A Deputación de Lugo participa na entrega dos Premios ARGOS da USC aequipos de emprendedores

A Deputada da Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Ana González Abelleira, participou na entrega dos premios ARGOS-Creando equipos emprendedores, que tivo lugar este venres no Salón Nobre do Pazo de Fonseca, en Santiago. Os galardóns,dotados con 3.000 euros, recoñecen os mellores proxectos innovadores de futuro dos equipos de traballo que participaron na 7ª edición deste programa de emprendemento da Universidade de Santiago de Compostela e que asesora a estudantes e investigadores na elaboración de plans de negocios para crear empresas. A Deputación de Lugo mantén unha estreita relación coa USC. Recentemente vén de renovar a colaboración achegándolle 380.000 euros e tamén asinou un convenio para o funcionamento co Centro de Innovación e Transferencia de Tecnoloxía do Campus de Lugo (CITT) co fin de seguir apostando pola aplicación do coñecemento e a innovación para o impulso e competitividade do tecido produtivo da provincia de Lugo.