A Xunta de Goberno aprobará mañá a adhesión do Concello de Castroverde ao convenio marco para abrir a residencia

A Xunta de Goberno da Deputación aprobará na sesión de mañá venres a adhesión do Concello de Castroverde ao convenio marco de colaboración coa institución provincial para a apertura e funcionamento do Centro de Atención a Maiores da localidade, despois de que o Pleno municipal acordase por unanimidade o pasado mes de novembro sumarse ao mesmo. Deste xeito, avanza o procedemento administrativo para poñer en funcionamento a residencia de Castroverde, para o cal a Deputación ten reservados xa nos Orzamentos do vindeiro 2020 os recursos económicos necesarios.
Este modelo de cooperación da institución provincial co Concello de Castroverde establece a xestión pública do centro de maiores e define o acceso ás prazas, que se basea nas seguintes condicións:
- As prazas son de xeito preferente para os veciños do concello de Castroverde, en segundo termo para os dos municipios limítrofes ou da comarca e logo para lucenses en xeral.
- Todos os veciños e veciñas, independentemente da súa situación económica, poderán acceder ás prazas. Para elo, os usuarios pagarán en función da súa capacidade económica.
A Deputación destina nos Orzamentos de 2020 ás residencias de maiores unha partida de 9M€ para o mantemento dos tres centros en servicio, Ribadeo, Trabada e Pol, para abrir os da Fonsagrada, Castroverde e Pedrafita do Cebreiro, e para avanzar no equipamento dos de Meira e Ribas de Sil.