Cultura
Deputación de Lugo

Unha mostra leva ao Poeta Manolo Rodríguez a Monforte coa colaboración da Deputación

Monforte
Exposición
poesía
Exposición Manolo Rodríguez
A exposición rememora a vida e a obra do poeta, fillo predilecto do concello de Paradela, que viviu a maior parte da súa vida como emigrado en Barcelona

García Porto destacou: “é unha boa oportunidade para poñer en valor un dos nosos poetas máis importantes, sobre todo pola súa condición de poeta obreiro, e a súa importancia na identidade galega na emigración”

A mostra, que conta con 16 paneis informativos, forma parte do proxecto de difusión da vida e obra do escritor, xa percorreu máis de 16.000 quilómetros

A Deputada de Cultura en funcións, Pilar García Porto, participou, este luns, na inauguración da exposición Manolo Rodríguez López, Emigrante Galego, Poeta Obreiro. No acto, celebrado na casa da Cultura Lois Pereiro de Monforte de Lemos, tamén estiveron presentes a Concelleira de Cultura, Educación, Xuventude e Igualdade en funcións do Concello de Monforte, Marina María Doutón Rajo, o Alcalde de Paradela en funcións, José Manuel Mato Díaz, o Xefe Territorial da Consellería de Presidencia da Xunta de Galicia, Ramón Carballo Páez, e o Presidente do Consello Regulador da Ribeira Sacra, Jose Manuel Rodríguez González.

A exposición rememora a vida e a obra do poeta, fillo predilecto do concello de Paradela, nacido neste Concello en 1934 e finado en Lugo en 1990, aínda que a maior parte da súa vida viviuna como emigrado en Barcelona. A mostra conta con 16 paneis informativos, e forma parte do proxecto de difusión da vida e obra do escritor paradelense Manuel Rodríguez López, impulsado polo portal web Galicia Dixital e a familia do escritor, coa colaboración da Deputación.

García Porto destacou: “esta mostra itinerante é unha boa oportunidade para poñer en valor un dos nosos poetas máis importantes, que pese a todo o seu traballo, é moi descoñecido. É un dos máis grandes poetas galegos da segunda metade do século XX, sobre todo pola súa condición de poeta obreiro, e a súa importancia na identidade galega na emigración”.

A mostra ten un carácter itinerante, comezou en 2013 en Paradela e desde ese momento percorreu máis de 16.000 quilómetros, numerosas vilas e cidades galegas acolleron a exposición, así como os Centros Galegos de Barcelona, León, Salamanca, Vitoria e Lisboa; as Casas de Galicia de Madrid, Valladolid e Las Palmas de Gran Canaria, e as Universidades do Minho, de Faro, de Cáceres, de Granada e de Bilbao.