Deputación de Lugo
Innovación e TIC

O SdeA da Deputación colabora co IES Terra Chá de Castro de Rei na gravación dun videoclip no castro de Viladonga

SdeA
IES Terra Chá
castro de rei
castro de Viladonga
Videoclip no castro de Viladonga a cargo do IES Terra Chá
Preto de douscentos alumnos e profesores da ESO e BAC dos IES de Castro de Rei e Rábade e o CPI de Baralla participaron este xoves nunha coreografía de percusión corporal

Quince estudantes e dous docentes do Centro de Formación Audiovisual do SdeA utilizaron catro cámaras para a gravación e serán os encargados da edición do vídeo musical

O SdeA selecciona cada curso unha das propostas audiovisuais que lle presentan os centros educativos da provincia para incluíla na programación de prácticas en escenarios reais

Alumnos do Centro de Formación de Audiovisuais do SdeA da Deputación (CFA) gravaron este xoves un videoclip no Castro de Viladonga. Trátase dunha coreografía de percusión corporal, na que participaron preto de douscentos rapaces e profesores da ESO e BAC do IES Terra Chá José Trapero Pardo de Castro de Rei; o CPI Luis Díaz Moreno de Baralla; e o IES Río Miño de Rábade.

A iniciativa partiu do Departamento de Música do IES Terra Chá, que dirixe o profesor Benito Buíde, quen deseñou varios xogos e exercicios de comunicación coas mans. A composición está inspirada no tema Aleluia, de Leonard Cohen, baixo o lema Somos Iguais. Somos diferentes.


Colaboración fóra da aula
Un equipo de quince estudantes de primeiro de Realización, supervisado por dous docentes do CFA, empregaron catro cámaras e o resto de material preciso para a gravación do vídeo. Os alumnos e alumnas ocuparon os postos de realizador, operador e axudante de cámara, técnico de son e script.

A produción audiovisual tivo como escenario o Castro de Viladonga, no Concello de Castro de Rei, espazo elixido polo seu valor paisaxístico e arqueolóxico. O alumnado gravou varias tomas da coreografía para posteriormente editar as imaxes no Centro de Formación Audiovisual.

O Servizo de Audiovisuais da Deputación selecciona unha das propostas que lle presentan, cada curso académico, os centros educativos da provincia, para incluír na programación de prácticas formativas fóra das aulas.

 

Videoclip no castro de Viladonga a cargo do IES Terra Chá