Miguel Fernández “a Deputación cumpre coa Protectora de Animais; aproba o convenio para súa reforma, cede os terreos e lidera o seu investimento”
O investimento total é de preto de 745.000€ e a maiores da achega económica a institución provincial cederá á Protectora o uso da parcela na que se sitúan as instalacións por un prazo de 10 anos
O Deputado de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Miguel Fernández Méndez, informou este venres que a Deputación de Lugo aprobou na reunión da Xunta de Goberno o convenio entre a institución provincial, a Xunta de Galicia e o Concello de Lugo para a rehabilitación das instalacións da Sociedade Protectora de Animais e Plantas de Lugo. O acordo ascende a preto de 745.000€ achegados a partes iguais polas tres administracións “cada unha delas contribuirá con case 250.000€ para facer posible esta actuación despois de anos de espera”.
A maiores da achega económica, o Deputado Provincial explicou que a Deputación vén de iniciar hoxe mesmo o procedemento para ceder á Sociedade Protectora de Animais e Plantas de Lugo o uso da parcela na que se sitúan as instalacións por un prazo de 10 anos. Un paso que definiu como “necesario” para dar estabilidade ao proxecto e facilitar a execución da reforma.
En canto á achega económica fixo especial fincapé en que a Deputación lidera este investimento. “Somos a única das tres administracións que achega a totalidade da súa contribución neste 2026. Non o adiamos nin trasladamos a responsabilidade ao futuro. Poñemos preto de 250.000€ enriba da mesa desde o primeiro momento, porque entendemos que nin os animais nin as persas que os coidan poden seguir esperando”.