21 comerciantes mostran as últimas tendencias en moda na Noite Aberta de Sarria

A Noite Aberta - Fashion Night, organizada pola Asociación de Comerciantes de Sarria-Centro Comercial Aberto (ACES-CCU), reuniu este sábado a 21 comerciantes no evento celebrado no bulevar da Rúa Calvo Sotelo, entras as rúas Vázquez Queipo e Gran Vía. O Servizo de Audiovisuais da Deputación (SdeA), realizou unha reportaxe da cita e colaborou na difusión deste evento, que se celebrou por quinto ano consecutivo na vila de Sarria. Trátase dunha cita que ten como obxectivo impulsar o comercio local e na que un total de 21 comerciantes mostraron na pasarela a nova colección primavera-verán de roupa, calzado, complementos e peiteados. O desfile estivo amenizado polo grupo musical local Muddy Doll.
