Cultura
Deputación de Lugo

A mostra O Son do Tempo exhibe pezas únicas de instrumentos medievais na Capela de Santa María

CENTRAD
música
Exposición
instrumentos
A mostra O Son do Tempo exhibe pezas únicas de instrumentos medievais na Capela de Santa María
Tratase dunha exposición temporal que estará aberta ata o 25 de agosto e recolle unha boa parte da colección máis importante en Europa de instrumentos de corda medievais dos séculos XII e XIII. Entre as pezas destacan un organistrum, unha zanfona e violas

O Executivo Provincial promove varias iniciativas para poñer en valor e achegar á cidadanía estas pezas musicais, que foron creadas no Obradoiro de instrumentos musicais do CENTRAD que impulsou o Goberno da Deputación na pasada anualidade

Paralelamente a esta mostra, haberá 8 actuacións de música medieval da man do Grupo Lucus Ensemble en lugares históricos dos concellos Concellos de Lugo, Antas de Ulla, Monforte de Lemos, Portomarín, O Saviñao, Castroverde, Viveiro, Alfoz e Lugo

A Deputada de Cultura, Pilar García Porto, participou este venres na Capela de Santa María na inauguración da exposición de réplicas de instrumentos medievais da Deputación O Son do Tempo, que recolle unha boa parte da colección máis importante en Europa de instrumentos de corda medievais dos séculos XII e XIII. Entre as pezas destacan un organistrum, unha zanfona, e varias violas entre outros. Esta mostra forma parte da nova programación da Deputación para poñer en valor estas pezas musicais da colección provincial construídas nun Obradoiro de Instrumentos do CENTRAD que impulsou o Goberno Provincial na pasada anualidade. Para a súa difusión, programáronse ademais 8 actuacións musicais de música medieval en varios concellos da provincia nos que se exhibiran tamén algunhas destas pezas.

Na mostra O Son do Tempo pódense contemplar unha selección de instrumentos medievais construídos no CentrAD que abrangue pezas de música, tanto do patrimonio musical galego como numerosos exemplares procedentes doutras culturas, instrumentos mecánicos, obxectos e xoguetes sonoros, indumentaria tradicional e réplicas en preto de iconografía musical. O Goberno da Deputación é pioneiro na recuperación de instrumentos medievais, grazas ao traballo coordinado entre artesáns, organólogos, historiadores de arte e músicos que se ven desenvolvendo no Obradoiro Instrumentos musicais dende fai anos.

A Deputada de Cultura destacou que “nesta mostra pódense contemplar boa parte da colección máis importante en Europa de instrumentos de corda medievais dos séculos XII e XIII”. Pilar Porto tamén avanzou que “para poñer en valor estes antigos instrumentos e achegalos á cidadanía o vindeiro domingo 14 en Antas de Ulla, comezará o primeiro dos 8 concertos programados en varios concellos da provincia. Os sons destes instrumentos medievais poderanse escoitar na Catedral de Lugo, a Igrexa de San Estevo de Ribas de Miño, ou na Igrexa de Santa Mariña entre outros lugares da man do recoñecido grupo de cámara lucense Lucus Ensemble”.

A exposición estará aberta ao público ata o 25 de agosto en horario de luns a venres de 10:30 a 14:00 h. e de 17:00 a 20:00 horas. E os sábados, domingos e festivos de 11:00 a 14:00 e de 16:30 a 20:00 horas.

Reconstrución, préstamo e promoción de pezas únicas
A mostra O Son do Tempo enmárcase nun proxecto máis ambicioso do Goberno da Deputación para a recuperación deste patrimonio cultural. O obxectivo desta iniciativa é o estudio, a divulgación, o préstamo de pezas, así como a promoción da música medieval para o público en xeral nos 67 Concellos da provincia.

Esta iniciativa tamén contribúe a poñer en valor as nosas tradicións e a nosa cultura, como neste caso, os sons medievais tan arraigados na nosa historia. Por iso, dende o Centro de Artesanía e Deseño e a Colección e Obradoiro de instrumentos musicais da Deputación iniciouse un traballo para a actuación integral na formación de intérpretes e reconstrucións históricas para a súa promoción en Galicia, creando unha pequena colección de instrumentos medievais destinada ao préstamo temporal a músicos profesionais que queiran achegarse, ou aportar a súa experiencia na interpretación deste legado cultural dentro das súas xiras internacionais.

8 Concertos por toda a provincia en lugares históricos
Os sons destes antigos instrumentos medievais poderán ser apreciados pola cidadanía  nos 8 concertos de música medieval que terán lugar, de abril a outubro, en outros tantos concellos da provincia. Realizaranse en edificios e lugares con relevante patrimonio histórico como a Catedral de Lugo, a Igrexa de San Estevo de Ribas de Miño, ou a Igrexa de Santa Mariña, entre outras.

Músicos de recoñecido prestixio como é o Grupo lucense Lucus Ensemble, un dos principais referentes da música de cámara da provincia será o encargado destas actuacións musicais. Este grupo está formado por trece compoñentes (once instrumentistas e dous vocalistas), e goza dun prestixio gañado a pulso ao longo dos case cinco anos da súa existencia, e dos seus múltiples concertos e repertorios diferentes.

Os instrumentos que se cederán por parte da Deputación para estes concertos son: unha zanfona medieval, unha viola de tres cordas, un salterio e unha Giga. Algúns deles creáronse no Obradoiro de instrumentos musicais do CENTRAD que impulsou a Deputación na pasada anualidade.

As datas e o lugares dos concertos son:

Antas de Ulla, 14 de abril. Igrexa Santa Mariña, ás 19:00 horas
Monforte de Lemos, 3 de maio. Casa Cultura Lois Pereiro, ás 20:15 horas
Portomarín, 5  de maio. Igrexa de San Xoán, parroquia de San Nicolás, ás 19:00 horas
O Saviñao, 9 de xuño. Igrexa de San Estevo de Ribas de Miño, ás 19:00 horas
Castroverde, 30 de xuño. Igrexa de Santiago de Vilariño, ás 19:00 horas
Viveiro, 11 de xullo. Teatro Pastor Díaz, ás 20:30 horas
Alfoz, 15 de setembro. Igrexa do Castro, ás 19:00 horas
Lugo, 13 de outubro. Catedral de Lugo, ás 17:00 horas

 

A mostra O Son do Tempo exhibe pezas únicas de instrumentos medievais na Capela de Santa María
A mostra O Son do Tempo exhibe pezas únicas de instrumentos medievais na Capela de Santa María
A mostra O Son do Tempo exhibe pezas únicas de instrumentos medievais na Capela de Santa María