Deportes e mocidade
Deputación de Lugo

Deputación e Concello recoñecen ao Emevé, gañador da Copa Príncipe, nunha recepción en San Marcos

Deportes
Emevé
Recepción ao CV Emevé
O equipo masculino ven de gañar por segundo ano consecutivo a copa Príncipe, e mantense invicto nos primeiros postos da clasificación da segunda categoría nacional

Rivera Capón destacou “esta tempada está chea de retos para o Emevé, un equipo que leva 35 anos traballando pola igualdade. Ten que pelexar por seguir invictos e lograr o ascenso do equipo masculino”

O Goberno da Deputación é o principal patrocinador do club grazas a liña de axuda para equipos non constituídos en SAD que participan nas ligas de primeira e segunda categoría absoluta estatal, achegando máis de 91.000 euros

O Presidente, Darío Campos Conde, e a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez López, recibiron este luns aos membros do equipo Emevé masculino de voleibol, nun acto de recoñecemento ao traballo do equipo masculino, que milita na categoría de prata. O Emevé vén de gañar o pasado decembro a copa Príncipe, por segundo ano consecutivo,  un fito na historia da competición, que ata o de agora ningún equipo fora quen de facer.

O Goberno da Deputación é o principal patrocinador deste club, cuxo equipo feminino sénior acadou tamén a pasada temporada o ascenso á máxima categoría española. Conta ademais con varios equipos de base en cada categoría: infantís, cadetes e xuvenís ademais da categoría absoluta; competindo nas ligas autonómicas e escolares.

Campos Conde destacou “esta tempada está chea de retos para o Emevé e desde o Goberno da Deputación queremos darlle o noso apoio. Temos que loitar por seguir invictos e lograr o ascenso do equipo masculino e tamén para que o equipo feminino se manteña na superliga”.

O Presidente tamén quixo poñer en valor que o Emevé leva, ademais, 35 anos impulsando e promovendo este deporte, que non se pode considerar minoritario, pois grazas aos logros e ao traballo do clube contan con preto de 300 rapaces e rapazas, sendo toda unha referencia no deporte e no traballo pola igualdade na provincia.

A Deputación colabora co club Emevé como parte da súa liña de axudas de concorrencia non competitiva aos equipos non constituídos como SAD que participan nas ligas de primeira e segunda categoría absoluta estatal, achegando máis de 91.000 euros aos que hai que engadir outros 25.000 euros polos éxitos deportivos acadados na pasada tempada co ascenso á Súper liga, o trofeo de subcampionas da Copa Princesa, e o triunfo do equipo absoluto masculino na Copa Príncipe.

Recepción ao CV Emevé