60 nenos das escolas deportivas de Láncara contarán cun pavillón renovado coa achega de 80.000 euros da Deputación
Campos Conde destacou que “dotamos a Láncara dunhas instalacións deportivas de calidade, o que beneficiará, sobre todo, ao deporte base, un xeito de transmitir os valores do deporte e potenciar entre os máis pequenos hábitos de vida saudables”
Piñeiro López destacou que “estas obras son posibles grazas a achega do Goberno da Deputación, que investiu preto de 170.000 euros no concello só en infraestruturas deportivas, o que supón unha aposta polo lecer activo, non só para os máis pequenos, xa que calquera dos veciños pode beneficiarse destes espazos de convivencia”
O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, xunto ao Deputado de Deportes, Pablo Rivera Capón, e o Alcalde de Láncara, Darío Piñeiro López, avanzaron este martes a mellora do pavimento interior do pavillón municipal da Pobra de San Xiao, no Concello de Láncara. Os traballos contarán cunha achega de 80.000 euros do Executivo Provincial. Trátase dunha obra enmarcada dentro do Plan de Infraestruturas Deportivas e de promoción do deporte na provincia.
O Concello considerou prioritario a renovación do chan do pavillón, pois o actual está moi desgastado froito do seu uso durante dúas décadas, e polo deterioro natural producido polos cambios nas condicións de humidade e temperatura.
Campos Conde destacou que “dentro do noso compromiso con todos os veciños da provincia, dotamos a Láncara dunhas instalacións deportivas de calidade, o que beneficiará, sobre todo, ao deporte base, un xeito de transmitir os valores do deporte e de potenciar entre os máis pequenos hábitos de vida saudables”.
Na actualidade, o pavillón é empregado por preto de 60 nenos e nenas que participan nas escolas deportivas municipais, e que cando rematen as obras contarán cun espazo adecuado para a práctica de fútbol sala, baloncesto, balonmán, tenis, voleibol e outras disciplinas deportivas de interior.
As obras de mellora consistirán na nova pavimentación en parqué ao valorar que será o material que mellor se adapte ao pavillón e que resulta altamente resistente, prolongando sensiblemente a súa vida útil, o que resultará nunha superficie máis lisa antideslizante e antireflectora.
Outros investimentos en Láncara
As obras do polideportivo enmárcanse na mellora do entorno do CPI Ramón Piñeiro, que tamén contará cunha senda peonil. Ademais son accións que se suman á creación dunha pista multiusos exterior na contorna do río Neira, como parte dos traballos de humanización. Esta nova instalación deportiva dota aos veciños de Láncara dun espazo no que practicar, entre outros, fútbol, baloncesto, voleibol ou bádminton.
Tamén cabe destacar o parque infantil de Edizlo, tamén na Pobra, que agora conta cun novo chan acolchado, tobogáns, balancíns e con unha tirolina, xogos adaptados e para un amplo rango de idade, desde os 0 aos 10 anos.
O Alcalde destacou que “estas obras son posibles grazas a achega do Goberno da Deputación, que investiu preto de 170.000 euros no concello, e supoñen unha aposta polo lecer activo, non só para os máis pequenos, xa que calquera dos veciños pode beneficiarse destes espazos deportivos e de convivencia”.