Deportes e mocidade
Deputación de Lugo

O Illa Pancha Challenge reuniu en Ribadeo aos 24 mellores surfistas de ondas xigantes co patrocinio da Deputación

Illa Pancha
O Illa Pancha Challenge
Ribadeo
Entrega de premios Illa Pancha Challenge
O evento, que tivo lugar este mércores, contou cunha achega de 12.000 euros por parte do Goberno Provincial, que converteu á Deputación na principal administración patrocinadora da cita. O Presidente fixo entrega dos trofeos aos tres mellores surfistas

Campos Conde destacou “cremos na potencialidade do surf e nos beneficios que comporta converter A Mariña nun grande punto de interese deste deporte, atraendo a milleiros de visitantes e conseguindo desestacionalizar o turismo na provincia”

Os premios, entregados no Porto Deportivo, foron feitos con materiais reciclados e recollidos no mar, unha mostra do traballo en prol da sustentabilidade que levou a cabo a organización do evento e que foi unha das claves do interese do Executivo Provincial

O espectacular evento Illa Pancha Challenge tivo lugar ao longo deste mércores, na contorna da Illa Pancha de Ribadeo. Ao rematar a xornada o Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, fixo entrega dos trofeos outorgados aos tres mellores surfistas, no Porto Deportivo da vila mariñá. Este evento internacional contou cunha achega de 12.000 euros por parte do Goberno Provincial, que converteu á Deputación na principal administración patrocinadora da cita.

Campos Conde  destacou que “despois de varias semanas de espera, por fin puidemos desfrutar destes 24 valentes que cabalgaron sobre a onda xigante do Panchorro, grandes deportistas de recoñecido prestixio internacional que fixeron de Lugo o epicentro do surf mundial. Un evento que seguiron milleiros persoas, as que se achegaron ata Ribadeo, e as que o seguiron online, a través das webcam. Unha experiencia que será difícil de esquecer para todos os mariñaos”.

Entre os participantes estiveron figuras de renome como Natxo Gonzalez, biscaíño, terceiro na competición de Nazaré de 2018; Pierre Rollet, fracés, último gañador do Punta Galea Challenge, Everaldo Pato, un dos surfistas brasileiro máis recoñecidos ou Axi Muniain, guipuscoano, experto en ondas xigantes que se atreve a surfear incluso durante tormentas.
 
“O surf é un dos deportes con maior crecemento en toda Europa, constitúe en si mesmo un atractivo turístico, tanto para os surfistas como para moitos seguidores, como ben demostra toda a xente que nos acompañou durante esta xornada. Desde o Goberno da Deputación cremos no surf, na súa potencialidade e nos beneficios que traerá a todos os lucenses converter A Mariña nun grande punto de interese deste deporte, atraendo a milleiros de visitantes e conseguindo desestacionalizar o turismo na provincia. Un espello no que mirarnos é a vila de Peniche, no centro de Portugal, que mantén o seu espírito e tradicións mariñeiras ao tempo que miles de turistas se achegan a ver as súas espectaculares praias cheas de surfistas” sinalou Campos Conde.

Os trofeos entregados foron feitos con materiais reciclados recollidos do mar, unha mostra máis do traballo en prol da sustentabilidade que se levou a cabo desde a organización do evento e que foi unha das claves do interese do Executivo Provincial á hora de patrocinar o campionato.

Xurado e puntuacións

Clyde Martin, surfista sudafricano, afincado desde hai máis de 20 anos en Ferrol liderou un grupo de oito xuíces, entre os que tamén estivo Ibon Amatriain, pioneiro do surf de ondas xigantes en España e primeiro surfista en cabalgar O Panchorro. Os árbitros puntuaban as dúas mellores ondas de cada manga, cuns varemos de velocidade potencia e control, sempre na zona máis crítica da onda; a mellor onda puntuaba dobre, mentres a segunda tiña unha puntuación simple.

Premiados

1.- Lucas Chumbo e Ian Consenza
2.- Pedro Scooby e Pato Teixeira

O mellor tubo: Lucas Chumbo
A onda máis alta: Natxo González
Os mellores surfistas locais: Adrián Fernández e Natxo González
A mellor caída na cresta da onda (Wipeout): Pato Teixeira

Os trofeos foron realizados con plástico reciclado por Iván Matos e Marta Mora, alumnos da Facultade de Belas Artes de Pontevedra.

 

Entrega de premios Illa Pancha Challenge