O Goberno da Deputación Renova o seu compromiso cos 360 rapaces da SDC Residencia

Rivera Capón destacou que “o equipo senior do clube é unha constatación da aposta polo deporte base, un compromiso social que desde o Goberno da Deputación compartimos, en 2018 fomos a administración que máis investiu en deporte”
O equipo que naceu no ano 67, e pese a que durante os anos 80 tivo problemas, manténdose unicamente como club de fútbol sala, a partir da década dos 90 relánzase e comeza coa formación de categorías inferiores
O Deputado de Deportes, Pablo Rivera Capón, e o Concelleiro de Deportes, Miguel Ferández Méndez, mantiveron un encontro co Presidente da SDC Residencia, Julio Pacios Valín, e cuns 60 xogadores da categoría alevín. Fixérono durante un adestramento dos rapaces, no campo municipal da Cheda en Lugo. Durante o encontro Rivera Capón e Pacios Valín asinaron un convenio de colaboración, por valor de 5.000 euros que servira para cubrir parte dos gastos da tempada do club.
Rivera Capón destacou que a Sociedade Deportiva e Cultural Residencia leva formando aos máis pequenos non só no fútbol, tamén en todos os valores que o deporte representa: a superación, o traballo en equipo, a solidariedade... Na actualidade preto de 360 rapaces participan nos conxuntos de fútbol base, que dispón equipos en todas as categorías: Chupete, Prebenxamín, Benxamín, Alevín, Infantil, Cadete, Xuvenil, Afeccionado e Veterán, algunha delas con máis dun equipo.
“Tamén conta co equipo Senior, militante na Primeira Autonómica, unha constatación do traballo feito, a aposta polo deporte base que comezou hai de 27 anos, un labor que vai máis alá do deportivo, pois tamén é un compromiso social, que continúa a dar froitos tempada tras tempada e que desde o Goberno da Deputación compartimos, por iso durante o 2018 fomos a administración que máis investimos no deporte na provincia” explicou Rivera Capón.
A Residencia é un equipo histórico da cidade de Lugo, naceu no barrio do que recolle o nome no ano 1967, e quere manter a súa memoria mediante un arquivo fotográfico que coa colaboración dos afeccionados pretende reunir e dixitalizar.