Deputación e Concello celebran un novo faladoiro feminista este venres, no que se abordará a mercantilización dos corpos das mulleres

López Izquierdo apuntou que "a través destas tertulias, amosamos o significado do feminismo, porque cremos que hai descoñecemento sobre este movemento social, totalmente necesario, e que ten como finalidade acadar a igualdade de dereitos entre home e mulleres”
Concello e Deputación de Lugo celebran un novo faladoiro feminista este venres, no que se abordará A mercantilización dos corpos e a vida das mulleres. Esta é a terceira das 7 charlas e conferencias que organiza a entidade local e a provincial, en colaboración co Foro Feminista Maruja Mallo ata o mes de maio, no Vello Cárcere, baixo a segunda edición da iniciativa dos Faladoiros Feministas. Todas as intervencións son ás 20:00 horas e a entrada é gratuíta ata completar aforo.
Ana de Miguel será a encargada de dirixir este relatorio. Doutora en Filosofía pola Universidade Autónoma de Madrid, é profesora titular de universidade, na área de Filosolfía Moral e Política, na Universidade Rei Juan Carlos de Madrid. Dirixe o curso Historia das Teorías Feministas, do Instituto de Investigacións Feministas da Universidade Complutense de Madrid e desenvolve liñas de investigación relacionadas coas teorías feministas, teorías da democracia, e movementos sociais. Ten publicados numerosos libros e artigos.
A iniciativa dos Faladorios Feministas nace co fin de crear un un espazo de reflexión e estudo sobre o papel da muller na actualidade, dende un punto de vista feminista. Ata o mes de maio ofreceranse as seguintes charlas: O papel da cultura na (des)igualdade, a cargo de Laura Freixas o 8 de febreiro, Son as mulleres vulnerábeis: pensando a xustiza e a igualdade, a cargo de María Xosé Agra o 15 de marzo; A vida laboral das mulleres, a cargo de Marisa Soleto o 26 de abril e A fábrica social da feminidade, a cargo de Mercedes Expósito, o 24 de maio.
A Deputada de Promoción Económica e Social, Sonsoles López, apuntou que "a través destas tertulias, amosamos á cidadanía o significado real do feminismo, porque cremos que hai moito descoñecemento en relación a este movemento social, totalmente necesario, e que ten como finalidade última acadar a igualdade de dereitos entre home e mulleres. Tanto dende a Deputación como dende o Concello queremos pór en valor o papel fundamental que xogan as mulleres na nosa sociedade, e dentro da aposta por se administración sumamente sociais e coas persoas”.
“Durante todos estes anos, fóronse acadándose dereitos importantes pero aínda quedan moitos polos que loitar, como por exemplo acabar coa violencia de xénero, coas discriminacións salariais, pensións, taxa de desemprego feminino, as diferenzas nos postos de responsabilidade política, social, cultural e económica; así como as dificultades entre a conciliación entre a vida persoal, laboral”, destacou .