RECURSOS SOSTIBLES

 

Esta área de nova creación está centrada na xestión e o impulso do Centro de Recría, da finca Gayoso Castro e da finca do Pazo de Tor, de xeito que estes importantes recursos da Deputación reciben un tratamento singularizado co fin de convertelos nun referente e nun elemento tractor para o sector primario de Lugo.

A Deputación de Lugo impulsa dende o ano 2007 a Granxa Gayoso Castro, a finca de titularidade provincial coa que conta en Castro de Rei, como un centro de referencia e un motor do sector primario da provincia de Lugo e de Galicia a través do apoio á actividade gandeira, a formación, a innovación e a investigación.

No complexo da Granxa Gayoso Castro, a Deputación desenvolve actividades de apoio á recría de becerras de raza Rubia Gallega en colaboración coa Asociación de Criadores de Raza Rubia Gallega (ACRUGA) e conta cun centro de recría de gando vacún de leite, o primeiro de iniciativa pública creado en España. Estas últimas instalacións poden acoller ata 2.500 xatas, duplicando a capacidade de recría que existe hoxe en día en Galicia.

Centro de recría

 

Ademais, na Granxa Gayoso Castro a Deputación abriu a finais do 2020 unha nova unidade, a Granxa Experimental de Leite, coa colaboración da Universidade de Santiago de Compostela (USC). Este novo centro é pioneiro en Galicia porque é o primeiro que aúna actividades de formación e investigación en torno ao sector do leite.

Unidade de leite

 

Na Granxa Experimental de Leite analízanse a realidade e os problemas do sector para logo transferir coñecementos ofrecéndolles ás explotacións as pautas de mellora e solucións. Ademais, a unidade de leite da Granxa Gayoso Castro cubre unha parte importante das prácticas da Facultade de Veterinaria e da Escola Politécnica Superior de Enxeñería do Campus de Lugo, o que supón un plus de calidade na formación do alumnado, porque farán prácticas nun laboratorio vivo.

Gando de raza Cachena

 

A Granxa Gayoso Castro é un dos piares máis importantes do apoio da Deputación de Lugo ao sector primario da provincia, tanto á actividade agrogandeira e forestal como do mar, un compromiso que tamén se materializa noutras accións innovadoras e pegadas á realidade que a institución provincial impulsa en colaboración co tecido produtivo e coa Universidade para xerar actividade económica e emprego sostible no rural.