Técnicos da Aesia explicarán mañá na Deputación de Lugo como facer un bo uso da intelixencia artificial
Como funciona a intelixencia artificial? Que oportunidades ofrece e que retos ten que encarar? Como se poden identificar os contidos falsos xerados con esta tecnoloxía? Estas son algunhas das cuestións que se abordarán mañá, venres 6 de novembro, no encontro aberto á cidadanía que a Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA) celebrará no Pazo de San Marcos.
A participación nesta cita é gratuíta e aberta ás persoas interesadas, previa inscrición no seguinte formulario: https://mencia.deputacionlugo.org/encontro-aesia/. A sesión está dirixida ao público xeral, non é necesario contar con coñecementos previos sobre intelixencia artificial, e pode resultar especialmente útil para aplicación da IA no ámbito profesional.
A xornada arrancará ás 12.45 horas coa apertura institucional, na que participará o deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón. A sesión rematará a mediodía.
Durante o encontro explicaranse nocións básicas, ofreceranse recomendacións para utilizar a IA de maneira responsable e abordaranse cuestións relacionadas coa detección de contidos falsos ou manipulados. A actividade tamén permitirá recoller achegas dos asistentes sobre o impacto da IA en ámbitos como a igualdade, a protección dos menores, a desinformación ou o mercado laboral.
Todas as opinións incorporaranse a un traballo de análise de AESIA para elaborar propostas de cara a favorecer un desenvolvemento tecnolóxico seguro, ético e respectuoso cos dereitos das persoas.
O 33,6% das empresas españolas de máis de dez empregados usan a IA
A implantación da intelixencia artificial avanza no ámbito económico e laboral. Segundo os últimos datos do Instituto Nacional de Estatística (INE), publicados durante o pasado mes de outubro, o 33,6% das empresas españolas con 10 ou máis persoas empregadas utilizaba tecnoloxías de intelixencia artificial no primeiro trimestre de 2026. Ademais, o 78% das persoas traballadoras considera que a súa empresa debería proporcionarlles ferramentas e formación para utilizar as novas tecnoloxías dixitais, incluída a IA, segundo o Observatorio Nacional de Tecnoloxía e Sociedade (ONTSI).
Laboratorio de Ideas en IA, da AESIA, é o proxecto no que se enmarca esta sesión. Unha iniciativa que percorre diferentes cidades para achegar esta tecnoloxía á sociedade e abrir espazos de diálogo nos que a cidadanía poida expresar as súas dúbidas, opinións e preocupacións.
MencIA, a intelixencia artificial propia da Deputación de Lugo
A Deputación de Lugo lanzou hai uns meses a súa propia estratexia de intelixencia artificial, MencIA 2026-2030, enfocada á aplicación desta ferramenta nos servizos públicos.
Está previsto o desenvolvemento de ferramentas de apoio á xestión administrativa e a súa extensión aos concellos da provincia, especialmente aos de menor dimensión, que poden precisar asistencia técnica para incorporar este tipo de solucións.
Neste sentido, os Orzamentos da Deputación para 2027 prevén unha partida destinada a continuar desenvolvendo MencIA e avanzar na súa implantación no ámbito municipal. A finalidade é facilitar tarefas administrativas, axilizar procedementos e mellorar a relación entre os concellos e a cidadanía.
A incorporación destas ferramentas parte dun principio: a intelixencia artificial debe ser un instrumento de apoio ao traballo dos profesionais, non un substituto das persoas. A tecnoloxía pode contribuír a reducir tarefas repetitivas e liberar tempo para outras funcións, pero as decisións administrativas deben seguir contando coa supervisión, o coñecemento e o criterio dos empregados públicos.
Que impacto social está a ter a IA
O Laboratorio de Ideas en IA é un espazo de análise e debate integrado por especialistas de diferentes ámbitos, entre eles a tecnoloxía, o dereito, a educación, a filosofía, a igualdade, as relacións laborais e os dereitos humanos.
Trátase dun traballo que se organiza ao redor de catro liñas principais: mulleres e intelixencia artificial, desinformación e IA, menores e IA e mercado laboral. A través da investigación e da participación social, busca anticipar os efectos desta tecnoloxía e formular propostas que permitan orientar o seu desenvolvemento e aplicación.