A Deputación apoia os Premios Son Muller que este ano se celebrarán en Mondoñedo
O Deputado de Medio Ambiente, Carlos López, participou este martes na presentación da novena edición dos Premios Son Muller 2026 que se celebrarán o vindeiro 11 de decembro no Auditorio Municipal de Mondoñedo. No acto desta mañá, que tivo lugar na praza da Catedral, López destacou a colaboración da Deputación de Lugo, que achega 3.500 euros a esta iniciativa.
«Cada iniciativa que nace nos nosos concellos axuda a crear emprego, manter servizos e ofrecer oportunidades para vivir e traballar no territorio», subliñou Carlos López, que destacou ademais a importancia de recoñecer e dar visibilidade ao traballo das mulleres que poñen en marcha proxectos empresariais e contribúen á actividade económica da provincia. O deputado, alcalde da Fonsagrada, destacou especialmente o esforzo das mulleres que desenvolven os seus proxectos nos municipios do interior.
Os premios contan con tres categorías: Son Emprendedora, para iniciativas con ata 42 meses de actividade; Son Empresaria, para negocios con máis de 42 meses, e Son Empresaria Rural, dirixida a proxectos desenvolvidos no rural. Cada categoría contempla tres galardóns, cunha dotación de 1.500, 700 e 300 euros, respectivamente, ademais doutros recoñecementos.
O prazo para presentar candidaturas abriu hoxe, 3 de novembro, e permanecerá dispoñible ata o día 24. O xurado dará a coñecer o seu fallo o 4 de decembro e a entrega dos premios celebrarase o 11 de decembro, ás 19:00 horas, no Auditorio Municipal de Mondoñedo.
AELU, a Asociación de Mulleres Empresarias da Provincia de Lugo, conta con máis de 36 anos de traxectoria promovendo o emprendemento feminino e a participación das mulleres na actividade económica. As bases e o formulario de inscrición poden consultarse na páxina web www.empresariaslugo.org.
No acto participaron tamén a vicepresidenta de AELU, Luz Divina Castelo, o alcalde da localidade, Manuel Ángel Otero e representantes da asociación e de ABANCA.