Deputación de Lugo

A Deputación comeza en Taboada co estendido do aglomerado na estrada provincial que vai a Mundín

estradas
Os traballos continúan nos primeiros seis quilómetros da LU-P-6001 e inclúen a renovación do pavimento, a limpeza e recuperación de cunetas, a estabilización dun noiro e a mellora da sinalización viaria

A Deputación de Lugo continúa cos traballos de rehabilitación do firme da estrada provincial LU-P-6001, que conecta Taboada con Mundín por Ada. A actuación comprende os primeiros 6,16 quilómetros desta vía, entre a N-540 e a LU-213 e conta cun investimento de 296.526,23 euros.

Os traballos centráronse esta semana no fresado do firme e no estendido dunha nova capa de aglomerado en quente de cinco centímetros de espesor medio. O proxecto inclúe tamén a reapertura de cunetas existentes para recuperar a súa sección e facilitar a evacuación da auga, así como a limpeza dos elementos de drenaxe transversal.

Construirase ademais un paso elevado para peóns e un muro para estabilizar un noiro onde se detectaron gretas no firme. Tamén se renovará a sinalización horizontal e vertical.

A LU-P-6001 conta cun trazado de case 14 quilómetros e as obras en marcha abranguen os primeiros 6,16 quilómetros da estrada, o 44% do seu trazado principal. Unha actuación que vén complementar outra que fixo a Deputación de Lugo recentemente nos tres seguintes quilómetros, case ata o quilómetro 10.

Esta é unha estrada fundamental para vertebrar Taboada, conectar o núcleo urbano con dúas parroquias importantes como Ada e Mundín e enlazar coa rede viaria que comunica o municipio coa súa contorna.