Máis dunha decena de persoas saen ao bosque en Piornedo para descubrir o mundo dos fungos coa Deputación
A Deputación de Lugo continúa a achegar a cidadanía á natureza e a promover o coñecemento do patrimonio natural da provincia a través da súa programación de educación e divulgación ambiental na Reserva da Biosfera Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá.
Neste marco, máis dunha decena de persoas na que participaron nenos e adultos de todas as idades saíron este domingo ao bosque nunha xornada micolóxica en Piornedo, na que coñeceron de primeira man o mundo dos fungos e a riqueza natural dos Ancares. A actividade estivo guiada polo micólogo Juan Alonso, da Sociedade Micolóxica Lucus, que acompañou aos participantes durante o percorrido polo monte e explicou as características das diferentes especies que se foron atopando ao longo da xornada.
A saída permitiu aos asistentes observar e identificar os fungos no seu propio hábitat, achegándose á diversidade micolóxica da zona e aprendendo a coñecer e respectar os ecosistemas que forman parte da Reserva da Biosfera. A xornada forma parte da programación ambiental do cuarto trimestre da Deputación de Lugo nos Ancares Lucenses, a través da Área de Medio Ambiente que dirixe o deputado Carlos López.
A Deputación volverá a celebrar esta xornada micolóxica o próximo 31 de outubro. Nesta ocasión, a actividade terá lugar na Escola de Barcia, en Navia de Suarna, en horario de 10:00 a 14:00 horas. Contará con 25 prazas para adultos. As persoas interesadas poden inscribirse a través do teléfono 982 227 813 ou do correo electrónico ancareslucenses@deputacionlugo.org.
Outras propostas ambientais nos Ancares
A programación da Deputación inclúe tamén outras actividades nos próximos meses.
O 7 de novembro celebrarase o Obradoiro de rescate en montaña, dirixido a persoal de Protección Civil e corpos de seguridade. A actividade terá lugar no Edificio de Servizos Múltiples de San Román de Cervantes e contará cunha parte teórica, de 09:00 a 15:00 horas, e outra práctica, de 16:30 a 22:30 horas, con exercicios de rescate tanto de día como de noite. Haberá 15 prazas para adultos.
Os días 21 e 28 de novembro terá lugar un obradoiro de cestería na Escola de Barcia, con 12 prazas para adultos. O día 21 o horario será de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas, mentres que o día 28 será de 10:00 a 14:00 horas.
Xa en decembro, os días 4 e 11, o Centro Social de Becerreá acollerá un obradoiro de arte floral de Nadal, dirixido a adultos e con 15 prazas.
Por último, do 28 ao 30 de decembro, tamén no Centro Social de Becerreá, desenvolveranse xogos e cantos de Nadal para nenos e nenas, con 15 prazas dispoñibles.