A Deputación cederá a Casona do Incio ao Concello e colaborará na súa recuperación con 250.000 euros
O pleno tamén autorizará a cesión dunha parcela da Deputación ao Concello de Pantón para facilitar o acceso ao pantalán de Maiorga
A Deputación de Lugo prevé aprobar no pleno do próximo martes as cesións da Casona ao Concello do Incio e dunha parcela situada na contorna do pequeno club fluvial de Maiorga ao Concello de Pantón.
Ambas decisións responden ás peticións que os respectivos alcaldes lle fixeron á presidenta da Deputación, Carmela López, e o obxectivo é dar solucións a problemas que veñen de vello.
“Non queremos que a Casona continúe sendo unha discusión sobre o pasado, queremos que sexa unha oportunidade para o futuro do Incio”, reiterou a presidenta da institución, como xa fixo este verán durante a visita que realizou ao Incio. “Dixemos que estabamos abertos a resolver un problema que levaba anos enriba da mesa e, tras estudar o anteproxecto que hai para poñer este edificio ao servizo da cidadanía, decidimos atender a solicitude do Concello”, explicou a mandataria.
O compromiso da Deputación vai máis aló e esta cesión vai suxeita a unha aportación futura de 250.000 euros para axudar a rehabilitar o edificio, que está fronte ao consistorio e é un emblema do Incio. O plan é recuperar o inmoble e a súa contorna como espazo público de ocio e deporte, a modo de prolongación da Praza da Cruz.
A Casona foi adquirida pola Deputación hai dúas décadas mediante expropiación. Dende entón, a institución fixo varias obras de seguridade no edificio, como o apuntalamento da fachada provincial e a retirada de elementos da cuberta que tiñan risco de caída á vía pública. Agora, a Deputación dá un paso máis para axudar a que o inmoble volva a estar ao servizo dos veciños.
Acceso ao río Miño en Maiorga (Pantón)
Ese é o mesmo obxectivo que guía outra das decisións que adoptará o pleno provincial a próxima semana. A Deputación cederá unha parcela en Maiorga (Pantón), próxima ao pantalán municipal que dá acceso ao río e que o Concello prevé mellorar.
De novo, o goberno provincial atendeu a solicitude que o alcalde levavaba tempo facendo para que ese terreo lle fose cedido ao Concello, xa que é a única forma de garantir o acceso á instalación fluvial.
“Son dous exemplos máis de que cando as peticións que se lle fan á Deputación están na súa man e son asumibles e beneficiosas para os veciños, este goberno aténdeas, veñan de quen veñan”, recalcou a presidenta provincial.