Deputación de Lugo

Carmela López anima a camiñar pola Mariña cun programa de visitas guiadas apoiado pola Deputación

carmela lópez
A Mariña
A Presidenta da Deputación, puxo en valor o programa Plan con Corazón, que alcanza a súa sétima edición, “unha oportunidade excelente para coñecer A Mariña da man de guías locais experimentados, que achegarán miradas novas sobre a nosa paisaxe cultural, etnográfica e natural”

Plans con Corazón está organizado pola Mancomunidade de Concellos de A Mariña Lucense e desenvolverase do 16 de setembro ao 14 de novembro de 2026 a través de 16 rutas e visitas guiadas. As contornas naturais, a historia, a etnografía, a gastronomía e a artesanía locais, serán os eixos temáticos vertebradores

 

A institución provincial achega 25.000€ a entidade para apoiar esta iniciativa, así como outras propostas de promoción turística durante todo o ano

 

A Presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, participou hoxe no Muíño do Pereiro, en Lourenzá, na presentación oficial da sétima edición do programa Plans con Corazón, unha iniciativa turística organizada pola Mancomunidade de Concellos A Mariña Lucense que ten por obxectivo  dar a coñecer entre a poboación, tanto autóctona como visitante, a riqueza dos 16 concellos que compoñen este xeodestino. Plans con Corazón desenvólvese ao abeiro do convenio que a Deputación de Lugo mantén coa Mancomunidade de Concellos de A Mariña por un importe de 25.000€. 

16 rutas: Pozos, pazos, aves e arqueoloxía

Este programa desenvolverase do 16 de setembro ao 14 de novembro e inclúe 16 rutas e visitas guiadas a cargo de guías locais experimentados nas que se abordarán diferentes temáticas como contornas naturais, historia, etnografía, gastronomía ou a artesanía locais.

Os e as visitantes poderán descubrir o misterioso Pozo do Lexoso en Ribadeo, visitar o Pazo de Carrocide en Alfoz, observar aves desde a Lagoa dos Patos en Barreiros, disfrutar das pinturas medievais da igrexa da Vila do Medio de Burela, degustar a Faba de Lourenzá ou percorrer unha ruta xeolóxica pola praia de San Román-Arealonga no Vicedo, entre outros moitos enclaves.

Como anotarse

Todas as persoas interesadas en realizar algunha destas actividades poden consultar a programación ao completo no seguinte enlace: https://www.reservaonline.support/a-marina-planes-con-corazon/index.html .

As prazas son limitadas e cada actividade terá un custo que varía de 5€ (inscrición individual), 9€ (inscrición en parella) e 15€ (inscrición en grupo), un prezo que inclúe a visita guiada e os seguros de Responsabilidade Civil e accidentes. A inscrición pode formularse en: https://amarinalucense.gal/gl/a-marina-plans-con-corazon .


Carmela López: “ofertamos algo moi puro, propio do territorio e sen modificalo”

Na súa intervención, Carmela López destacou que “é unha oportunidade excelente para poder coñecer A Mariña da man de programas coma este e da forza dos 16 concellos unidos baixo unha mesma marca, a través da que xa somos referencia ”. E engadiu que “cando saímos da nosa provincia, a nivel nacional, a xente achégase porque estamos ofertando algo moi humilde e puro, propio do territorio e sen modificalo”.   

Asemade, a mandataria provincial puxo en valor o papel do turismo como motor do desenvolvemento económico da Mariña Lucense, que nos últimos anos pasou de ser “un modelo moi concentrado no verán, con impacto limitado, a outro no que o turismo funciona como un sistema económico máis amplo e durante o resto do ano”.

A Presidenta provincial estivo acompañada pola Presidenta da Mancomunidade de Concellos A Mariña Lucense e Alcaldesa do Concello de Lourenzá, Rocío López García; e a xerente de “Volta Montana”, empresa colaboradora na organización do programa, Cristina Collazo; entre outras autoridades.


Máis de 250 persoas: desde veciños a visitantes doutras comunidades

A Presidenta agradeceu á Mancomunidade A Mariña esta iniciativa, “que está plenamente consolidada e que é un éxito ano a ano”. Neste senso, o pasado ano 2025 o programa contou coa participación de máis de 250 persoas, chegadas tanto da Mariña como do resto da provincia de Lugo, das provincias de Ourense, Pontevedra e A Coruña, e mesmo de fóra de Galicia, procedentes de Asturias, León, Madrid, Valencia e Zaragoza. Na pasada edición, o programa esgotou prazas e acadou unha valoración de 9,4 puntos sobre 10 por parte dos participantes.