Deputación de Lugo

A Deputación activa 1M€ en mobilidade, cooperación cos concellos, apoio á actividade económica e reforzo dos servizos públicos

Xunta de Goberno

A Xunta de Goberno licitou por preto de 240.000€ a mellora da rede viaria da parroquia pontenovesa de Conforto; e adxudicou por máis de 450.000€ dous proxectos en Xermade e Lourenzá para rehabilitar diferentes tramos de cinco estradas provinciais

Luz verde a unha colaboración en Foz de 250.000€ para mellorar edificios públicos e mobiliario, concretamente para pintar a fachada e renovar a carpintería do CENIMA e da Casa Consistorial e adquirir bancos, mupis e marquesiñas

Aprobadas tamén dúas achegas para colaborar cun programa de reinserción penitenciaria; e co Festival Osa do Mar de Burela

A Xunta de Goberno activou este venres un millón de euros para melloras na mobilidade, cooperar cos concellos, apoiar a actividade económica, reforzar as políticas sociais e impulsar os servizos públicos. Así o anunciou o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, na rolda de prensa posterior á reunión semanal que tivo lugar na Sala de Xuntas do Pazo de San Marcos.

No que ten que ver coa mobilidade, “a Deputación continúa a poñer os recursos onde máis se necesitan: nas estradas, porque articulan a provincia e son fundamentais para o equilibrio territorial”. O Deputado explicou que a institución provincial destina preto de 700.000€ a mellorar a rede viaria da Pontenova, Xermade e Lourenzá.

Na Pontenova, a Deputación licitou por 239.524€ a mellora da rede viaria na parroquia de Conforto, unha actuación que permitirá renovar o firme, acondicionar a drenaxe e aumentar as prestacións e a seguridade de diferentes tramos de vías municipais que dá servizo á veciñanza.

Adxudicado tamén un proxecto en Xermade para a rehabilitación de diferentes tramos de catro estradas provinciais –LU-P-2201 e ramal, LU-P-2203, LU-P-2205 e LU-P-2213- que conflúen no núcleo urbano. Construcciones y Obras Taboada Ramos SLU é a adxudicataria nun prezo de 210.742,63€. “É unha actuación que permitirá mellorar o firme, a drenaxe e a sinalización e que terá un impacto directo na mobilidade diaria da veciñanza e no acceso aos servizos e actividades da capitalidade do municipio”.

Ovisa Pavimentos y Obras SLU resultou adxudicataria en Lourenzá, por 241.745,9€, dun proxecto para a mellora da drenaxe da LU-P-2804 entre Pedrón e A Cazolga ao longo de 4,2 quilómetros.

Mellora de edificios públicos e mobiliario urbano en Foz

A Xunta de Goberno da Deputación aprobou tamén colaborar con Foz cunha achega de 250.000€ para mellorar edificios públicos e adquirir mobiliario urbano. Un acordo que se enmarca na Cooperación cos Concellos e que permitirá, por unha parte, pintar a fachada e renovar a carpintería exterior do CENIMA e da Casa Consistorial; e por outra, adquirir mobiliario urbano: bancos, mupis e marquesiñas.

Festival Osa do Mar

Luz verde para colaborar coa entidade Fanto Fantini cunha achega de 30.000€ para a organización do Festival Osa do Mar 2026. Unha proposta que se celebrará en Burela entre o 2 e o 6 de setembro e que combina música, creación galega contemporánea e posta en valor do patrimonio da Mariña.

Osa do Mar conta cunha  programación cultural ampla e accesible, con máis de 18 artistas e formacións, “e constitúe tamén un importante elemento de dinamización económica e turística da comarca, ao favorecer a actividade da hostalaría, o comercio e os servizos locais”, valorou Rivera Capón.

Reinserción penitenciaria

No ámbito social, a Deputación de Lugo destinará 23.900€ á Asociación Penitenciaria Concepción Arenal, para desenvolver o programa Motivación ao cambio, dirixido a persoas internas en centros penais e orientado a fomentar procesos de cambio persoal e facilitar a súa futura reinserción social.

Listas de emprego

Ademais a Xunta de Goberno aprobou este venres novas listas de emprego temporal para catro perfís profesionais: técnico de xestión, ATS-DUE, terapeuta ocupacional, fisioterapeuta. Unha medida que reforza a capacidade da Deputación para cubrir as necesidades de persoal e garantir a prestación dos servizos públicos provinciais.