Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo

Miguel Fernández valora a traxectoria de ASPNAIS: “máis de medio século de compromiso coa inclusión e o benestar dos seus usuarios e usuarias”

miguel fernández
convenios
ASPNAIS
Lugo
O Deputado de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento vén de manter un encontro co Presidente desta entidade para coñecer o desenvolvemento do programa de intervención psicolóxica co que colabora a institución provincial con 5.000€

O Deputado de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Miguel Fernández Méndez, vén de manter un encontro co Presidente da Asociación de Pais ou Titores de Persoas con Discapacidade Intelectual de Lugo (APSNAIS), José Reigosa García, para facerlle entrega do convenio de colaboración que mantén a institución provincial con esta Asociación. Trátase dunha achega económica de 5.000€ para apoiar un programa de intervención psicolóxica en persoas con discapacidade intelectual. 

Nesta xuntanza, na que tamén participaron outros membros da entidade, Miguel Fernández puxo en valor a traxectoria de APSNAIS, que na actualidade atende a máis de 150 persoas, destacando que leva máis de medio século de compromiso coa inclusión e o benestar dos seus usuarios e usuarias. O Deputado Provincial recordou tamén que a institución provincial “está ao carón deste tipo de colectivos que promovan a integración social, educativa e laboral das persoas que padecen algún tipo de discapacidade intelectual”. 

En concreto, a achega económica da Deputación permite que os profesionais de ASPNAIS desenvolvan un programa de intervención psicolóxica dirixido a acompañar ás persoas usuarias no proceso de dó pola perda dun ser querido, unha situación que pode resultar especialmente complexa para elas. O obxectivo desta iniciativa é ofrecerlles as ferramentas e o apoio necesarios para afrontar a perda, favorecer a expresión das emocións e facilitar a adaptación á nova realidade. Para iso, a entidade desenvolve sesións individuais e grupais nas que emprega recursos como o debuxo, a escritura ou técnicas de relaxación.