Deputación de Lugo

A Deputación colabora con AGADHEMO para mellorar a atención das persoas con hemofilia da provincia e das súas familias

convenio
Pazo de San Marcos
hemofilia
O Deputado de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento entregoulle no Pazo de San Marcos o acordo ao Presidente da Asociación Galega de Hemofilia, polo que a institución provincial destina 5.000€ para desenvolver un programa de atención, información e formación para persoas con coagulopatías conxénitas da provincia

O Deputado de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Miguel Fernández Méndez, e o Presidente da Asociación Galega de Hemofilia, Brais Carreira Iglesias, mantiveron un encontro no Pazo de San Marcos para abordar as necesidades do colectivo. No marco da reunión, o Deputado entregoulle o convenio de colaboración a través do cal a institución provincial achega ao colectivo social unha aportación económica de 5.000€ para poder desenvolver o programa Atención, información e formación para persoas con coagulopatías conxénitas da provincia e as súas familias. 


Esta colaboración permitirá reforzar os servizos de atención social, asesoramento, apoio psicolóxico, acompañamento e formación que AGADHEMO presta ás persoas con hemofilia e outras coagulopatías conxénitas da provincia de Lugo e ás súas familias, con especial atención ao medio rural. O programa conta cun orzamento total de 6.335 euros, dos que a Deputación financia a maior parte, garantindo a continuidade dun servizo que se presta durante todo o ano.

Miguel Fernández destacou que “a colaboración co tecido asociativo é fundamental para que os servizos cheguen a todas as persoas que os precisan. Co apoio a entidades como AGADHEMO contribuímos a ofrecer unha atención máis próxima, especializada e adaptada ás necesidades das persoas con hemofilia e outras coagulopatías conxénitas, especialmente das que viven no rural”.

O Deputado engadiu que “o labor das asociacións é esencial para complementar a resposta dos servizos públicos, ofrecendo información, orientación e acompañamento ás persoas afectadas e ás súas familias”. Neste sentido, asegurou que a Deputación “continuará apoiando iniciativas que contribúan a mellorar a calidade de vida da cidadanía e a reforzar a igualdade de oportunidades en toda a provincia”.

Entre as actuacións previstas inclúense un servizo de apoio sociosanitario para ofrecer información e orientación sobre recursos e prestacións, atención psicolóxica especializada, Grupos de Asesoramento Mutuo (GAM) para fomentar o apoio entre iguais, un servizo de acompañamento para facilitar o acceso aos recursos sanitarios e sociais e accións de información e difusión destinadas a achegar estes servizos ás persoas beneficiarias. 

Fundada en 1988 e declarada entidade de utilidade pública, AGADHEMO traballa na defensa dos dereitos das persoas con hemofilia e outras coagulopatías conxénitas en Galicia. A través dos seus programas de atención, orientación e sensibilización, a asociación ofrece un apoio integral ás persoas afectadas e ás súas familias, contribuíndo a mellorar o seu benestar e favorecendo a súa plena inclusión social.