Deputación de Lugo

A Deputación inicia en Xove a mellora de tres estradas provinciais cun investimento de máis de 810.000€

estradas provinciais
Xove
Os traballos afectan ao treito que faltaba por acondicionar da LU-P-2601, entre a LU-862 e o Portiño de Morás; ao primeiro tramo da LU-P-2604, que une tamén a vía autonómica con Valcarría por Monte; e á LU-P-2605 completa, entre A Tronca e Tarolo

Este proxecto forma parte do convenio de colaboración dotado con 1,6M€ asinado entre a institución provincial e o Concello de Xove para a cesión á administración local das dez estradas provinciais que vertebran o municipio

A Deputación de Lugo inicia esta semana as obras de mellora de tres estradas provinciais ao seu paso polo concello de Xove. A institución provincial inviste nesta actuación 810.216€, un proxecto que permitirá mellorar as comunicacións neste municipio da Mariña.

Dúas das estradas nas que se actuará parten da autonómica LU-862: a LU-P-2601, que comunica co Portiño de Morás e na que se acondicionará o treito de algo máis de dous quilómetros que quedaba pendente para deixar a vía practicamente renovada na súa totalidade; e a LU-P-2604, cara Valcarría por Monte, na que agora se mellorarán os primeiros tres quilómetros, continuando posteriormente coa actuación no resto do trazado. Ademais, o proxecto inclúe a reparación íntegra da LU-P-2605, preto de tres quilómetros entre A Tronca e Tarolo por Vila.

Os traballos en todas as vías consisten na mellora da drenaxe mediante a reapertura de cunetas e o seu revestimento con formigón nos tramos onde é necesario polas características do terreo, pavimentación con aglomerado en quente e reposición da sinalización. A maiores, contemplan o ensanche da LU-P-2601, o que permitirá aumentar de forma significativa a capacidade e seguridade desta estrada. O prazo de execución previsto é de seis meses.

Este proxecto forma parte do convenio de colaboración asinado entre a Deputación de Lugo e o Concello de Xove para a cesión á administración local das dez estradas provincias que vertebran o municipio. Un traspaso que se fará efectivo unha vez rematadas as actuacións de mellora comprometidas pola institución provincial.

No marco deste acordo, dotado con 1,63M€, a Deputación comprometeuse ademais a arranxar un tramo da LU-P-6606 e da continuación da LU-P-2604, unha actuación que se executará con posterioridade.