Deputación de Lugo

Voos acrobáticos, exposicións e simuladores gratuítos: así será o XVIII Criterium Aeronáutico que impulsa a Deputación

Criterium Aeronáutico
miguel fernández
O Deputado de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento presentou xunto ao Presidente do Real Aeroclub de Lugo a programación de actividades deste ano para as que a institución provincial achega 10.000€

“Queremos seguir apoiando proxectos que xeran oportunidades, que crean actividade económica, que atraen visitantes e que contribúen a que cada vez máis persoas identifiquen a nosa provincia cun territorio innovador”, avanzou Fernández

O evento aeronáutico terá lugar no Aeródromo de Rozas do 10 ao 12 de xullo e o acceso será libre e gratuíto. O horario xeral das actividades e exposicións será de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas

O Deputado de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Miguel Fernández Méndez, xunto ao Presidente do Real Aeroclub de Lugo, Francisco Abelleira, presentaron este luns na Sala de Xuntas do Pazo de San Marcos a décimo oitava edición do Criterium Aeronáutico. Para a celebración deste evento, que terá lugar no Aeródromo de Rozas do 10 a 12 xullo, a institución provincial realiza unha achega económica de 10.000 euros.

Miguel Fernández recordou que esta cita “forma parte do calendario da nosa provincia e cada ano demostra a súa capacidade para atraer público, sorprender e seguir medrando”. Recalcou a capacidade de “achegar a aeronáutica á cidadanía, facela accesible e demostrar que detrás da tecnoloxía hai talento, formación, innovación e moitas persoas traballando para mellorar o noso futuro”.

“Rozas representa moi ben esa forma de entender a provincia. Un lugar que soubo evolucionar sen perder a súa identidade. Un espazo que proxecta Lugo cara o futuro e que nos sitúa como un territorio capaz de liderar iniciativas punteiras”, avanzou o Deputado Provincial. 

Sobre a colaboración que mantén a Deputación de Lugo con esta iniciativa sinalou que “queremos seguir apoiando proxectos que xeran oportunidades, que crean actividade económica, que atraen visitantes e que contribúen a que cada vez máis persoas identifiquen a nosa provincia cun territorio innovador, dinámico e aberto ao coñecemento”. 

Pola súa banda, o Presidente do Real Aeroclub de Lugo destacou que “este é un evento de referencia a nivel nacional e incluso internacional con visitantes chegados de diferentes puntos de Portugal”. Así mesmo, deu a coñecer algunhas das propostas que se inclúen na programación deste ano “haberá todo tipo de exposicións aeronáuticas, un simulador de voo cedido polo Ciclo de Aeromecánica do CIFP As Mercedes; avións acrobáticos; voos de introdución en distintas aeronaves, ou un globo aerostático da Federación Aeronáutica Galega, entre outras actividades”. 

Abelleira finalizou a súa intervención agradecendo a colaboración da institución provincial “sen o seu apoio sería moi complicado que puideramos organizar este evento, que esperamos siga medrando ano tras ano”. 

O acceso a este evento aeronáutico é libre e gratuíto e o horario xeral da programación de actividades e das exposicións será de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas.