A Deputación activa 2,7M€ para reforzar a cooperación cos concellos, impulsar o comercio local e mellorar a mobilidade na provincia
Luz verde a novas actuacións na rede viaria provincial coa adxudicación en Castroverde da mellora da estrada LU-P-1201 entre Souto de Torres e Sobrado e da subministración dun novo camión 4x4 con caixa basculante destinado ao Parque Móbil provincial
A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres un paquete de medidas para reforzar, con 2,7 millóns de euros, a cooperación cos concellos, apoiar ao tecido produtivo da provincia e seguir mellorando as infraestruturas e os servizos públicos. Así o informou a Voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto na rolda de prensa posterior á sesión.
“Estas actuacións responden ao noso compromiso cun desenvolvemento equilibrado do territorio, apoiando aos concellos, fortalecendo á economía local e investindo en infraestruturas que melloran a calidade de vida da veciñanza”, valorou a responsable provincial.
No ámbito da cooperación municipal, a Xunta de Goberno sacou adiante catro convenios cos concellos de Viveiro, Trabada, Pol e Monforte de Lemos.
A institución provincial colaborará co Concello de Viveiro cunha achega de preto de 250.000 euros para financiar a reforma interior da Praza de Abastos. Un edificio histórico inaugurado en 1925 e situado no casco histórico da vila. Este proxecto contará cun investimento total de 770.000 euros e permitirá reorganizar os espazos interiores para dar maior protagonismo aos postos de venda, mellorar a eficiencia enerxética e a accesibilidade, renovar as instalacións e incorporar novos servizos que fagan do mercado un espazo máis moderno, funcional e confortable. Unha actuación coa que a Deputación de Lugo “contribúe á conservación dun inmoble emblemático para Viveiro e ao impulso do comercio de proximidade, dos produtores locais e da actividade económica no centro histórico”.
A Xunta de Goberno tamén autorizou unha achega superior aos 50.000 euros para acondicionar a área de autocaravanas de Trabada. Unha intervención que permitirá renovar os accesos e mellorar a seguridade e a comodidade das persoas usuarias nun espazo integrado no complexo municipal de ocio e deporte, onde xa existen pistas deportivas, zona recreativa, pump track, tirolina e amplas zonas verdes. “O obxectivo é reforzar a oferta turística do municipio e consolidar este espazo como un referente para o turismo itinerante”, valorou García Porto.
Ademais a Deputación tamén aprobou destinar máis de 200.000€ ao Concello de Pol para construír un Punto de Atención á Infancia (PAI) e reforzar o mantemento da zona deportiva e das piscinas municipais. O novo servizo permitirá ofrecer atención educativa a nenos e nenas de 0 a 3 anos, favorecendo a conciliación das familias e contribuíndo á fixación de poboación no rural.
No caso de Monforte de Lemos, a Xunta de Goberno sacou adiante unha colaboración plurianual de 1,8 millóns de euros distribuída entre os exercicios 2026, 2027 e 2028, para impulsar novas conexións urbanas. As actuacións permitirán mellorar a mobilidade, a accesibilidade e a seguridade viaria, reforzando a conexión entre distintos ámbitos da cidade mediante infraestruturas máis modernas e adaptadas ás necesidades actuais da cidadanía.
MercaSacra: apoio ao comercio de proximidade en Chantada
A Deputación continúa ademais impulsando iniciativas de dinamización económica. Neste sentido, este venres aprobou unha achega de máis de 16.300 euros para a organización da campaña MercaSacra, promovida en Chantada. A iniciativa combinará unha feira aberta ao público, con presenza de artesáns, produtores agroalimentarios e adegas da Ribeira Sacra, con actividades culturais e infantís, xunto cunha campaña de fidelización nos establecementos comerciais asociados para incentivar as compras no comercio local. “Este tipo de actuacións contribúen a fortalecer o tecido económico, promover os produtos de proximidade e aproveitar o potencial da Ribeira Sacra como motor económico, turístico e cultural”.
Novos investimentos para mellorar a rede de estradas
En materia de mobilidade, a Xunta de Goberno aprobou a adxudicación das obras de rehabilitación do firme da estrada provincial LU-P-1201 en Castroverde. Uns traballos que executará a empresa CHOLO, SL nun prezo que supera os 221.800 euros, e que supoñen un investimento superior aos 2,8 quilómetros entre Souto de Torres e Sobrado.
As obras inclúen a renovación do pavimento e melloras na drenaxe e contan cun prazo de execución de catro meses.
A Xunta de Goberno aprobou tamén a adquisición dun camión 4x4 con caixa basculante para terra destinado ao Parque Móbil da Deputación. O contrato foi adxudicado á empresa Infonorte Tecnología, SL por un importe próximo aos 190.700 euros.
O vehículo será entregado nun prazo de 25 días naturais e permitirá reforzar os medios cos que a institución realiza os traballos de conservación e mantemento da rede provincial.
García Porto destacou que estes acordos "reforzan o compromiso da Deputación cos concellos e coa prestación de servizos públicos de calidade, ao tempo que contribúen a dinamizar a economía, apoiar o comercio de proximidade e seguir mellorando as comunicacións en toda a provincia".