A Deputación reparte 35.000 gafas e 45.000 dípticos para preparar á veciñanza ante a eclipse solar
A Presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, vén de supervisar o inicio do reparto de 35.000 lentes homologadas e 45.000 dípticos informativos para preparar á cidadanía ante a eclipse solar do próximo 12 de agosto, un fenómeno para o que a provincia se sitúa entre os mellores lugares de observación.
O material comezou a distribuirse este mércores a través dos concellos da provincia, en función da súa poboación, para facilitar unha observación segura do fenómeno. Os recursos inclúen información sobre o inicio e o desenvolvemento da eclipse; os horarios previstos; os mellores puntos de observación; e recomendacións sanitarias para evitar danos na vista. Ademais, incorpora un código QR que dá acceso á páxina web https://eclipse.deputacionlugo.org, posta en marcha pola institución provincial, e na que se ofrecen todos os detalles do fenómeno, así como contidos e recursos divulgativos para a cidadanía.
Carmela López recordou que “este fenómeno astronómico poderá verse desde a península ibérica tras máis de cen anos. Concretamente, a provincia de Lugo será un dos lugares máis privilexiados do mundo para observalo, xa que practicamente poderá contemplarse desde a totalidade dos concellos”.
10 xornadas divulgativas e gratuítas
A mandataria provincial avanzou que a Deputación de Lugo puxo en marcha unha campaña de divulgación sobre a eclipse, que xa se iniciou o pasado 4 de maio cunha conferencia inaugural da doutora en Astrofísica Lucía González Cuesta no Pazo de San Marcos. Esta primeira charla deu comezo a un programa máis amplo de actividades que “completamos con este reparto e outras dez conferencias informativas e gratuítas que se realizarán polo territorio lucense da man de Lucía González”. Nese sentido, detallou que a asistencia é libre ata completar aforo e que os veciños e veciñas que asistan poderán coñecer con máis detalles información e ferramentas que lles permitan gozar deste fenómeno de forma segura. A programación é a seguinte:
29 de xuño
- Concello de Foz - 11:30 horas no edificio CENIMA con capacidade para 70 persoas.
- Concello de Viveiro – 19:30 horas na Sala Multiusos do municipio. O aforo é de 80 persoas.
30 de xuño
- Concello de Vilalba – 11:00 horas na Casa da Cultura con entrada para 67 persoas.
- Concello de Meira – 19:00 horas na Casa da Cultura. O número máximo de asistentes é de 170 persoas.
1 de xullo
- Concello da Fonsagrada – 11:00 horas no Salón de Actos municipal de Os Chaos. O aforo é de 160 persoas.
- Concello de Cervantes – 19:00 horas no Salón Multiusos Casa da Catoira con capacidade para 60 persoas.
2 de xullo
- Concello de Antas de Ulla – 12:00 horas na Casa da Cultura. O aforo é de 200 persoas.
- Concello de Monforte de Lemos – 20:15 horas na Casa da Cultura Lois Pereiro. O número máximo de asistentes será 158.
3 de xullo
- Concello de Quiroga – 11:00 horas na Casa da Cultura. O aforo é de 159 persoas.
- Concello de Sarria – 19:30 horas na Casa da Cultura. O aforo é de 126 persoas.