Deputación de Lugo

A Deputación apela a sustentabilidade da Ribeira Sacra ante a decisión da UNESCO: “o reto será saber xestionar o recoñecemento mundial”

Ribeira Sacra
Pilar García Porto

A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo participou en Portomarín nun coloquio, no que se analizaron as oportunidades e desafíos que afronta a comarca a un mes do veredicto da UNESCO sobre a candidatura a Patrimonio Mundial

O encontro celebrouse no marco da exposición O río que nos move, unha iniciativa impulsada pola Asociación Cultural 40 anos do descenso do Miño co apoio da institución provincial, e que se poderá ver ata o 14 de agosto no Pazo Xeral Paredes

A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, participou este xoves en Portomarín nunha mesa-coloquio centrado na candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial da UNESCO e na importancia do río Miño como eixo vertebrador do territorio.O encontro, organizado pola Asociación Cultural 40 anos do descenso do Miño, reuniu a representantes institucionais e profesionais vinculados ao turismo, ao patrimonio e ao desenvolvemento territorial para analizar os retos e oportunidades que afronta a Ribeira Sacra nun momento decisivo para a súa candidatura internacional.

Na súa intervención, Pilar García Porto, destacou que o crecente interese que esperta a Ribeira Sacra constitúe “un reto positivo” para o territorio e lembrou que o veredicto da UNESCO se coñecerá o próximo mes de xullo durante a reunión do Comité do Patrimonio Mundial que se celebrará en Busán (Corea do Sur).

“A Ribeira Sacra é hoxe un territorio recoñecido dentro e fóra de Galicia. Iso é unha magnífica noticia para a comarca e para o conxunto da provincia, pero tamén é o resultado do traballo sostido durante moitos anos por parte das administracións, do sector turístico, do sector vitivinícola, do tecido económico e das persoas que viven e traballan aquí”, sinalou.

A Deputada lembrou o compromiso histórico da Deputación de Lugo coa candidatura e destacou que a institución provincial foi unha das administracións pioneiras na súa defensa. Neste sentido, recordou a campaña impulsada no ano 2013 baixo a presidencia de José Ramón Gómez Besteiro para recoller apoios sociais e adhesións cidadás á candidatura da Ribeira Sacra ante a UNESCO. “A candidatura nunca pertenceu a unha administración concreta. Sempre foi un proxecto colectivo construído entre todos”, afirmou.

García Porto puxo tamén en valor o traballo desenvolvido ao longo destes anos para consolidar a Ribeira Sacra como un dos principais destinos turísticos de Galicia, destacando especialmente o éxito das rutas fluviais da Deputación de Lugo. Os catamaráns que percorren os canóns do Sil e do Miño superan xa os 60.000 viaxeiros por tempada, converténdose nun dos principais referentes turísticos da provincia.

A Deputada provincial incidiu en que a posible declaración como Patrimonio Mundial implica “non só recoñecemento, senón tamén responsabilidade na conservación do territorio e na planificación do seu desenvolvemento”. Neste sentido, apostou por un modelo de crecemento ordenado e sostible que compatibilice a actividade turística coa protección da paisaxe e a preservación da identidade propia da comarca. “O reto é garantir que o turismo repercuta na economía local e que a Ribeira Sacra manteña a súa autenticidade e a súa capacidade para xerar oportunidades”, subliñou.

García Porto puxo o foco nas persoas que viven e traballan no territorio, especialmente viticultores, emprendedores e familias que manteñen vivo o patrimonio. “O verdadeiro éxito non será conseguir a declaración da UNESCO, senón demostrar que sabemos xestionala e que no futuro a Ribeira Sacra segue conservando a súa esencia e xerando oportunidades”, concluíu.

A mostra O río que nos move

O coloquio celebrouse no marco da exposición O río que nos move. En canoa polos 317 quilómetros do Pai Miño, unha iniciativa impulsada pola Asociación Cultural 40 anos do descenso do Miño co apoio da Deputación de Lugo, que recupera a histórica travesía realizada en 1985 por cinco mozos que completaron por primeira vez o descenso integral do río desde o Pedregal de Irimia ata A Guarda.

Portomarín será a última para na provincia de Lugo destaexposición que se poderá visitar no Pazo Xeral Paredes ata o vindeiro 14 de agosto antes de continuar o seu percorrido polas provincias de Ourense e Pontevedra, contribuíndo a divulgar o valor histórico, ambiental e cultural dun dos grandes símbolos de Galicia.