Deputación de Lugo
Formación

A Deputación e o Colexio Profesional de Xornalistas impulsan 20 obradoiros na provincia para combater a desinformación

Carmela Lopez
obradoiros
Colexio
xornalismo
A Presidenta presentou xunto á decana do Colexio de Xornalistas esta iniciativa, que ten por obxectivo achegar á cidadanía ferramentas para identificar e combater a desinformación, ademais de poñer en valor o papel do xornalismo rigoroso

A Deputación de Lugo e o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia poñerán en marcha unha programación formativa de 20 obradoiros gratuítos dirixidos á cidadanía, co obxectivo de ofrecer ferramentas para identificar e combater a desinformación, fomentar o pensamento crítico e promover un consumo responsable da información no actual contexto dixital. Así o anunciou este venres no Pazo de San Marcos a Presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, xunto á decana do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, Belén Regueira, durante a presentación desta iniciativa, que percorrerá 19 concellos da provincia ao longo de todo o ano.

Carmela López agradeceu ao Colexio a implicación para promover esta proposta “útil, necesaria e moi conectada coa realidade que vivimos hoxe”, e destacou a importancia de impulsar estas accións que permitan á cidadanía desenvolverse con maior seguridade fronte á sobreinformación e á proliferación de contidos falsos. “Estamos permanentemente expostas á información e, moitas veces, tamén á desinformación. Mensaxes, vídeos, audios ou publicacións circulan a enorme velocidade e ás veces custa distinguir o que é certo do que non o é”, sinalou.

Neste sentido, a mandataria provincial puxo en valor o papel do xornalismo profesional: “Detrás do xornalismo rigoroso hai contraste, responsabilidade e ética profesional. Hai persoas que dedican horas a verificar informacións, a buscar fontes fiables e a contextualizar o que contan”.

Os obradoiros están abertos ao público en xeral, serán impartidos por xornalistas e colexiados e ofrecerán ferramentas prácticas para identificar bulos, contrastar informacións e promover hábitos de consumo informativo máis seguros e responsables.

Pola súa banda, Belén Regueira afirmou que o Colexio de Xornalistas leva xa tempo traballando a alfabetización mediática con público adolescente, "pero hai tempo que detectamos a necesidade e mesmo a urxencia de estender esta formación tamén ó público adulto" porque a sociedade precisa "ferramentas que permitan distinguir o xornalismo de calidade, pero tamén un consumo crítico da información".


O Pazo de San Marcos, primeira parada

Os obradoiros contan cun máximo de 35 prazas e as persoas interesadas en participar nalgunha destas accións formativas deberán formalizar a súa inscrición en xornalistas@xornalistas.gal ou a través do seguinte  formulario: https://docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLSdDPLUNTfCBI8gFSLKJU0Pw-t8L4noGaMF2RummQat9yOK0Rw/viewform

O primeiro taller terá lugar no Pazo de San Marcos o vindeiro venres, 5 de xuño, ás 19:00 horas impartido por Pilar Rodríguez Losada, cunha ampla experiencia como redactora e editora na Televisión de Galicia. Debido á capacidade limitada da sala, para participar neste primeiro obradoiro é necesario inscribirse previamente a través deste formulario online. Tras este primeiro obradoiro, a formación contra a desinformación chegará aos concellos de Barreiros, Burela, Castroverde, Castro de Rei, Chantada, Cervantes, A Fonsagrada, Foz, Friol, Guitiriz, Lugo, Monforte de Lemos, Pedrafita do Cebreiro, Quiroga, Sarria, Taboada, Trabada, Vilalba e Viveiro. 
 
A Presidenta concluíu apelando á responsabilidade colectiva e á necesidade de fomentar o espírito crítico á hora de compartir contidos. “Non podemos resignarnos. Temos que aprender tamén a parar un momento antes de compartir algo ou de dar por certa unha información”, concluíu.