Carmela López supervisa o investimento de 1M€ da Deputación na mobilidade de Chantada
“Estas actuacións reforzan conexións fundamentais entre parroquias, melloran a seguridade viaria e facilitan o acceso da veciñanza aos servizos públicos e á actividade económica, algo fundamental para contribuír a fixar poboación no rural”, valorou
A Presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, supervisou en Chantada diferentes actuacións na rede viaria nas que a institución provincial inviste preto de 1M€. Concretamente, a mandataria provincial comprobou o estado da LU-P-1801 que une a localidade cos Peares, onde a institución executa actuacións en diferentes puntos do trazado; e percorreu tamén dúas estradas provinciais nas que a contratación das obras está avanzada: a LU-P-1807 a Cartelos por Santa Uxía e a LU-P-1819, de Quizán das Peras a Mundín por Gordón.
Comezou supervisando parte da LU-P-1819, que é a estrada provincial que vai de Quizán das Peras a Mundin por Gordón, e que a Deputación renovará na súa totalidade cun investimento de 280.000€. Alí, xunto con técnicos provinciais, explicoulle á veciñanza o proxecto que se vai desenvolver e como quedará a estrada unha vez os traballos estean rematados. Na vía que une Chantada e Carballedo por Santa Uxía ata Cartelos, a LU-P-1807, a Presidenta inspeccionou o firme, que se acondicionará por algo máis de 250.000€, tamén en case todo o trazado. O primeiro dos proxectos está en fase de contratación e o segundo conta co contrato xa asinado con Fevisa Vías y Obras.
Carmela López finalizou a súa visita na LU-P-1801, de Chantada aos Peares por Nogueira. Esta estrada é moi importante para a comunicación entre a Ribeira Sacra, xa que por ela transitan numerosos vehículos a diario, acrecentándose na época estival. Neste caso a Deputación está a mellorar o firme nun tramo de 23 quilómetros, desde Pincelo á altura do encoro dos Peares, en Carballedo. Ademais a institución provincial está a acometer unhas obras de reforzo dun muro no quilómetro 14,5 á altura da parroquia de Nogueira do Miño. O investimento completo das obras que se están a realizar supera os 600.000€.
Unha estratexia tamén para fixar poboación
“Estas actuacións permiten a Chantada camiñar cara a unha mobilidade máis segura, cómoda e eficiente para os veciños e veciñas”, valorou a Presidenta. Engadiu que “estas actuacións reforzan conexións fundamentais entre parroquias, melloran a seguridade viaria e facilitan o acceso da veciñanza aos servizos públicos e á actividade económica, algo fundamental para contribuír a fixar poboación no rural”.
Un percorrido que se enmarca na ruta que a Presidenta está a facer pola provincia para coñecer as diferentes realidades locais e comprobar de primeira man o avance de diferentes proxectos da Deputación, no caso chantadino, en varias vías.