A Presidenta sitúa o novo Grao en Intelixencia Artificial da UNED como “un paso estratéxico para o futuro da provincia”
A Presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, participou este martes á tardiña xunto á Directora da UNED Lugo, Ana Traseira, e o equipo directivo, na presentación da nova titulación en Intelixencia Artificial do centro universitario, que se implantará o vindeiro curso académico.
Durante a súa intervención, Carmela López destacou que este novo grao “supón unha aposta estratéxica para o futuro da provincia e un paso importante para reforzar a formación nun dos sectores tecnolóxicos con maior crecemento e proxección”. A mandataria provincial subliñou que “a Intelixencia Artificial xa está a transformar a maneira na que traballamos, aprendemos e prestamos servizos públicos”, polo que considerou fundamental que a provincia avance nesta dirección e non quede á marxe destes cambios.
Neste sentido, sinalou que a nova titulación se aliña coa estratexia provincial de Intelixencia Artificial MencIA, aprobada esta mesma mañá por unanimidade no Pleno da Deputación, “coa que se busca impulsar a transformación dixital desde o ámbito público, con garantías, control sobre os datos e adaptada á realidade da provincia”. Incidiu ademais que “a innovación tecnolóxica debe servir tamén para reforzar os servizos públicos, acompañar aos concellos máis pequenos e garantir igualdade de oportunidades na provincia”.
Visita institucional e sinatura no Libro de Honra
No marco da visita, a Presidenta aproveitou a súa primeira presenza oficial na UNED de Lugo como máxima responsable da Deputación para asinar no Libro de Honra e coñecer de primeira man as instalacións e o funcionamento do centro. Durante o percorrido, interesouse pola actividade académica e polos proxectos en marcha, destacando o modelo formativo da UNED como “aberto, inclusivo e flexible”.
Neste sentido, puxo en valor o papel do centro como ferramenta de acceso á educación superior na provincia, que permite estudar sen necesidade de abandonar o territorio e adaptando a formación ás circunstancias persoais, laborais e familiares do alumnado. A Presidenta destacou tamén o récord histórico de matrícula acadado este curso, con máis de 1.240 estudantes e un crecemento superior ao 12 %, un dato que, segundo sinalou, reflicte a confianza da sociedade lucense neste proxecto educativo.
Pola súa banda, a directora da UNED de Lugo agradeceu o compromiso da Deputación co centro e subliñou “a importancia de seguir avanzando na actualización da oferta académica mediante novas titulacións, microcredenciais e programas adaptados ás necesidades emerxentes da sociedade e do mercado laboral”. Ana Traseira destacou o impacto social da actividade do centro, avaliado a través do seu retorno social, “que evidencia a súa contribución ao desenvolvemento educativo, económico, cultural e territorial da provincia, así como o traballo desenvolvido no ámbito da sustentabilidade a través da Oficina Verde, o cálculo e redución da pegada de carbono e proxectos de divulgación ambiental como #LugoNaturalMente”, aseverou.