Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo

ALUCEM recoñece o apoio da Deputación na celebración polo seu 30 aniversario

miguel fernández
ALUCEM
ANIVERSARIO
Miguel Fernández vén de recoller este sábado unha placa da Asociación Lucense de Esclerose Múltiple como símbolo de agradecemento á institución provincial, que todos os anos achega 10.000€ ao seu programa de atención integral

O Deputado de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Miguel Fernández, participou este sábado no 30 aniversario da Asociación Lucense de Esclerose Múltiple (ALUCEM). Na cita, que tivo lugar no Hotel Méndez Núñez, o colectivo fíxolle entrega ao responsable provincial dunha placa en recoñecemento do apoio prestado pola Deputación de Lugo estes anos.

“Detrás desta placa hai 30 anos de compromiso coas persoas”, valorou o Deputado. Puxo en valor o traballo de ALUCEM, “un referente social desta provincia e un lugar moi importante para moitas persoas que atoparon aquí orientación, apoio e tamén ánimo nos momentos máis complicados”, sinalou. Engadiu que desde a Deputación “recibimos esta distinción con orgullo, claro que si, pero sobre todo cunha gratitude moi sincera. Grazas polo exemplo que dades, polo traballo de tantos anos e por facer desta provincia un lugar mellor e máis humano”.

A Deputación de Lugo colabora con ALUCEM cunha achega de 10.000€ que se repite todos os anos e que axuda a desenvolver un programa de atención integral, destinado a cubrir as necesidades específicas dos pacientes. Entre outras cuestións, esta iniciativa facilita servizos de fisioterapia e atención psicolóxica desta doenza.