Carmela López reivindica o San Isidro da Milagrosa: “Chega unha das citas máis queridas da cidade”
Tivo unhas palabras para o pregoeiro, que este ano será o Alcalde da Ribeira de Piquín, “unha persoa traballadora, que entende perfectamente o valor que teñen as feiras populares como espazos de encontro e memoria compartida”
A Presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, presentou este venres xunto ao presidente da Asociación de Veciños, Comerciantes e Industriais da Milagrosa, Jesús Vázquez, unha nova edición da Feira de Produtos do Campo e Artesanía deste barrio lucense. No acto celebrado esta mañá nos patios interiores do Pazo de San Marcos, a mandataria provincial afirmou que “chega unha das citas máis queridas da cidade”.
Será a vindeira fin de semana -entre o venres 22 e o domingo 24- na Milagrosa cando teña lugar esta feira “que naceu para reivindicar as raíces deste barrio, construído coa chegada de moitas familias do rural da provincia”. Subliñou Carmela López que toda esa veciñanza trouxo consigo “unha maneira de vivir, de traballar e de entender a terra que segue moi presente” e que se nota nos produtos, nos postos ou no ambiente.
Felicitou ademais a Presidenta á Asociación de Veciños, Comerciantes e Industriais da Milagrosa, cos que colabora a Deputación para esta celebración a través dunha achega de produtos de proximidade.
Carmela López tivo tamén unhas palabras para o pregoeiro, que este ano será Roberto Fernández Rico, Alcalde da Ribeira de Piquín e presidente da Fundación TerrEo “e compañeiro”. “Unha persoa traballadora, do rural, e que entende perfectamente o valor que teñen as feiras populares como espazos de encontro e memoria compartida”, valorou. Ademais, convidou a toda a xente a achegarse á Milagrosa.
Jesús Vázquez, pola súa banda, detallou a programación, que se estenderá do venres 22 de maio coa festa gastronómica da mazá asada; ao domingo 24, cando haberá unha degustación de produtos da provincia e a entrega de centos de lotes de queixos. O sábado 23 terá lugar a XXV Festa do Becerro ao espeto. Durante os tres días a música tradicional e as charangas amenizarán esta cita.