A Deputación inicia os traballos para renovar en Pantón a totalidade da LU-P-4104, de Seguín aos Peares
A Deputación de Lugo vén de comezar os traballos para a rehabilitación integral da LU-P-4104, que conecta en Pantón Seguín cos Peares por Pombeiro. As obras afectan á totalidade do trazado desta vía -de 15,53 quilómetros de lonxitude- que transcorre polo termo municipal deste concello da Ribeira Sacra. Este proxecto da institución provincial conta cun orzamento que supera os 100.000€.
Os traballos, dos que se encarga a empresa Opaga 003 SL, comezaron estes días coa reapertura das cunetas e inclúen ademais o saneo da explanada, reparación de danos e repavimentación nos máis de 15 quilómetros que ten esta vía.
Trátase dunha estrada moi importante para os veciños e veciñas da zona, porque conecta a N-120 en diferentes puntos do seu trazado, dá servizo a varias capelas, como a Virxe das Neves ou a de San Antonio, e acceso a importantes puntos turísticos da contorna como o Miradoiro dos Peares; unha adega ou unha casa de turismo rural.
Unha vía que ademais de ter un forte impacto turístico, vertebra boa parte do territorio no municipio de Pantón, garantindo a mobilidade, o acceso a diferentes explotacións agrarias e a servizos básicos, polo que tamén é fundamental para o desenvolvemento social e económico da localidade.