Deputación de Lugo

A Deputación aproba preto de 380.000€ para rehabilitar dúas estradas ao seu paso por Palas de Rei e Pastoriza

Xunta de Goberno
Pilar García Porto

A Xunta de Goberno licitou o proxecto para acondicionar varios tramos da LU-P-4004, a vía que atravesa os núcleos de Devesa de Rei, Ribeira e Xende; e adxudicou as obras da LU-P-3006, a estrada que une Meira con Pastoriza por Fonmiñá

Na reunión deste venres tamén se deu luz verde á aprobación da convocatoria e as bases específicas para a elaboración de dúas listaxes de emprego: unha de técnico auxiliar de protocolo e outra de axudante mecánico
 

A Deputación de Lugo aprobou este venres destinar 373.028,38€ para arranxar dúas vías provinciais ao seu paso polos concellos de Palas de Rei e Pastoriza. Así o avanzou a Voceira Socialista, Pilar García Porto, tras a reunión semanal da Xunta de Goberno. 

Nese sentido, a institución provincial vén de licitar un novo proxecto para acondicionar varios tramos da vía LU-P-4004, en Palas de Rei cun investimento de máis de 324.623,18€. Esta estrada, que atravesa os núcleos de Devesa de Rei, Ribeira e Xende, “é especialmente relevante para este municipio porque conecta explotacións gandeiras; unha casa de turismo rural e varias igrexas”, valorou García Porto.

As obras, que consistirán na reapertura de cunetas; pavimentación e sinalización, afectarán a tres tramos ao principio e ao final da vía -do punto quilométrico 1,3 ao 3,1; do 3,7 ó 5,5; e do 9,8 ó 10,2-. O prazo de execución para estes traballos será de 4 meses.

Pilar García Porto explicou tamén que na reunión deste venres a Deputación adxudicou por 48.405,20€ os traballos para mellorar un treito da LU-P-3006, a vía que une Meira con Pastoriza por Fonmiñá. Con este proxecto, do que se encargará a empresa CHOLO SL, arranxarase un tramo de algo máis de 800 metros case ao principio da vía -do punto quilométrico 1,120 ao 1,935-. 

“Esta é unha estrada moi importante para os veciños e veciñas de ambos municipios, porque vai desde o núcleo meirense da Pena ata a LU-122. Ademais dá servizo a explotacións gandeiras, conecta directamente co polígono industrial de Meira, no que se atopan establecementos hostaleiros e diferentes negocios, e dá acceso ao centro de saúde do municipio”, recalcou. 

As obras que se van acometer son: a reapertura de cunetas, a pavimentación do firme con aglomerado en quente e o repintado da vía mediante marcas reflexivas brancas. Unha vez se inicien os traballos o prazo de execución será de mes e medio.  

Listaxes de emprego


A Xunta de Goberno deste venres tamén aprobou a convocatoria e as bases específicas para a elaboración de dúas listaxes de emprego: unha de técnico auxiliar de protocolo e outra de axudante mecánico. As persoas interesadas en anotarse poderán consultar a información no Boletín Oficial da Provincia nas vindeiras semanas.