Deputación de Lugo

Carmela López e Oliver Laxe amosan o potencial dos Ancares ao Secretario Xeral para o Reto Demográfico

Ancares Lucenses
carmela lópez
Oliver Laxe

A Presidenta da Deputación e o director de cine acompañaron a Francisco Boya nunha visita polo territorio na que aproveitaron para coñecer un proxecto para crear un Centro de Transformación, as pallozas de San Román ou a sede da Asociación SER

“O noso papel non se limita ao financiamento de proxectos, senón que pasa tamén por estar presentes nos espazos onde se decide o futuro deste territorio, como é a Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses”, subliñou a mandataria provincial

O encontro enmárcase na creación dun Centro de Innovación Territorial (CIT) en Lugo para impulsar a dinamización das zonas rurais en declive demográfico, nun contexto no que a Montaña lucense perdeu arredor dun 30% da súa poboación nos últimos 15 anos

A Presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, e o director de cine e promotor da Asociación SER, Oliver Laxe, amosaron este mércores o potencial dos Ancares ao Secretario Xeral para o Reto Demográfico, Francisco Boya. Unha visita que se enmarca na creación dun Centro de Innovación Territorial (CIT) na provincia de Lugo como rede de colaboración para a dinamización das zonas rurais en declive poboacional. Nese sentido, aproveitaron para coñecer elementos que forman parte da estratexia de desenvolvemento sostible da comarca.

Destacou a mandataria provincial o compromiso da Deputación de Lugo co futuro da Montaña e subliñou que “o noso papel non se limita ao financiamento de proxectos, senón que implica tamén estar presentes nos espazos onde se decide o futuro deste territorio, como é a Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses”. Nese sentido, puxo en valor o traballo conxunto cos axentes sociais e co tecido produtivo do territorio, representado na visita pola Asociación SER e a Cooperativa Carqueixa, no marco da gobernanza da Reserva da Biosfera.

Carmela López incidiu na gravidade do reto demográfico nunha zona que “perdeu arredor dun 30% da súa poboación nos últimos 15 anos, o que nos obriga a actuar con responsabilidade, coordinación e unha visión a longo prazo para garantir o futuro destes concellos”.

A comitiva fixo a súa primeira parada en San Román de Cervantes, no antigo hotel Belón, onde Oliver Laxe lles presentou un proxecto impulsado a través da Asociación SER, en colaboración coa Cooperativa A Carqueixa. Unha iniciativa que pretende transformar este establecemento hoteleiro en desuso nun centro integral de dinamización rural, orientado á transformación de produtos do territorio, á creación dunha tenda de produto km0 que dea resposta á falta de servizos básicos na contorna, á apertura dunha cantina con piscina como espazo de encontro veciñal, e á creación dun aloxamento destinado tanto ao turismo como á acollida de novos poboadores. Un proxecto que Boya cualificou como “interesante e auténtico” e que, segundo sinalou, o Goberno de España está a impulsar a través dos CIT para replicar este tipo de iniciativas en distintos territorios, “traballando en rede para axudar e acelerar estes procesos no medio rural”.

Desprazáronse tamén ás pallozas de San Román, un dos elementos máis representativos do patrimonio etnográfico dos Ancares, que constitúen un exemplo singular da arquitectura tradicional e da memoria viva do modo de vida na montaña. Esta parada permitiu poñer de relevancia a importancia de combinar a dinamización económica e social do territorio coa conservación e posta en valor do patrimonio cultural.

Unha rede que traballa tamén na programación cultural e ambiental

Xa na aldea de Vilela, en Navia de Suarna, coñeceron da man do cineasta un conxunto de accións que se prevén desenvolver nos vindeiros anos no marco dun programa integral de revitalización dos Ancares. Esta estratexia combina cultura, participación social e novas formas de xestión do territorio orientadas á fixación de poboación e ao desenvolvemento sostible, incluíndo propostas como un cineclube, un festival de músicas, xincanas pedagóxicas, redes de apoio ao tecido asociativo ou un campus rural.

Xunto á Presidenta da Deputación, o cineasta e promotor da Asociación SER e o Secretario Xeral para o Reto Demográfico, participaron na visita os alcaldes de Navia de Suarna e Cervantes, José Fernández e Benigno Gómez, así como o xerente da Cooperativa A Carqueixa, Román Besteiro. O percorrido incluíu tamén unha visita ao dispositivo de protección internacional xestionado pola ONG Rescate Internacional en Becerreá.