Deputación de Lugo

O Festival Bal y Gay celebrará en agosto a súa edición máis internacional co apoio da Deputación

Festival Bal y Gay
Pilar García Porto
A Deputada de Promoción do Territorio e Turismo participou en Santiago de Compostela na presentación da décimo terceira edición desta cita musical que incluirá 14 destacados concertos en escenarios emblemáticos da Mariña

García Porto sinalou que este evento “é un exemplo de como a cultura pode medrar con sentido desde o territorio, combinando excelencia artística cunha vontade clara de achegar a música clásica á cidadanía e de integrala na vida da Mariña lucense”

Como novidade, o programa inclúe unha actuación extraordinaria do pianista ruso Grigory Sokolov, que volverá a tocar en Galicia tras 20 anos. O evento será no Fuxan os Ventos de Lugo o 9 de agosto


A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, participou este xoves no Centro Galego de Arte Contemporáneo de Santiago de Compostela na presentación da décimo terceira edición do Festival Bal y Gay, unha cita de referencia en España que conta co apoio da institución provincial. A programación deste ano, marcada polo seu carácter internacional, inclúe 14 concertos que se celebrarán en paraxes únicas da Mariña do 5 ao 21 de agosto. Como novidade, o pianista ruso Grigory Sokolov regresará a Galicia tras 20 anos cun concerto o 9 de agosto no Auditorio Fuxan Os Ventos de Lugo. Será, ademais, a primeira vez que o festival chega á capital lucense.

No acto de presentación desta cita, á que tamén asistiu a directora do Festival Bal y Gay, Alba Rodríguez, e o Presidente da Fundación Xesús Bal y Gay, Enrique Rodríguez Baixeras, entre outras autoridades; a Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo da Deputación de Lugo, Pilar García Porto, destacou que “este evento é un exemplo de como a cultura pode medrar con sentido desde o territorio, combinando excelencia artística cunha vontade clara de achegar a música clásica á cidadanía e de integrala na vida da Mariña lucense”. Neste sentido, subliñou que a programación desta nova edición “reflicte esa identidade propia, cun percorrido pola música vocal, barroca, de cámara e polo gran repertorio pianístico, da man de artistas e formacións de primeiro nivel”.

Así mesmo, García Porto puxo en valor a vinculación do festival co territorio, sinalando que “cada concerto se desenvolve en espazos que forman parte da identidade da Mariña, creando un diálogo natural entre música e patrimonio e facendo que a cultura se viva con proximidade e normalidade”. A Deputada incidiu en que “iniciativas como esta contribúen a dinamizar a comarca e a proxectar a provincia de Lugo como un destino cultural de calidade”, ao tempo que reiterou o compromiso da institución provincial co apoio a proxectos que “entenden a cultura como un dereito e como unha ferramenta útil para fortalecer o territorio”.

Programa


Esta 13ª edición inaugurarase co conxunto vocal Vox Luminis, dirixido por Lionel Meunier, o día 5 de agosto (21.00) na Catedral de Mondoñedo. Posteriormente, o pianista Moisés Sánchez actuará xunto á violinista Ana María Valderrama e ao contrabaixista Pablo Martín Caminero o día 6 (20.30) no Castelo de Castro de Ouro de Alfoz. A continuación, a soprano Auxiliadora Toledano e o pianista Javier Carmena estarán o día 7 (21.00) no Mosteiro de San Salvador de Lourenzá. Pola súa banda, o violista Antoine Tamestit e a violinista Alexandra Preucil protagonizarán o concerto do día 8 (20.30) na Basílica de San Martiño de Foz. O prestixioso pianista Grigory Sokolov concluirá este primeiro bloque do festival o día 9 (19.30) no Auditorio Fuxan os Ventos de Lugo.

O segundo tramo comezará coa Real Filharmonía de Galicia, baixo a dirección de César Ramos, o día 13 (21.00) na Igrexa de Santa María del Campo de Ribadeo. A programación proseguirá co tenor Santiago Ballerini, a soprano Berna Perles e o pianista Javier Carmena o día 14 (20.30) no Auditorio Casa da Cultura de Burela. Iria Folgado (oboe e corno inglés), Raquel Areal (violín), Sara Areal (violín), Marta Rodríguez Otero (viola) e Millán Abeledo Malheiro (violonchelo) presentarán outro dos concertos deste ano o día 15 (20.30) no Pazo de Fontao de Foz. Este segundo bloque finalizará co concerto-conferencia dedicado a Marcial do Adalid a cargo de Martín Llade e Clara Corrales (Radio Clásica - RNE) o día 16 (20.00) no Palacio Santa Emilia de Mondoñedo.

O último tramo abrirase coa pianista Yulianna Avdeeva o día 17 (20.30) no Auditorio Hernán Naval de Ribadeo. A Ritirata con Josetxu Obregón chegará o día 18 (20.30) ao Teatro Pastor Díaz de Viveiro. A Orquestra Sinfónica do Principado de Asturias, dirixida por Miguel Sepúlveda, actuará o día 19 (21.00) na Catedral de Mondoñedo e KamBrass o día 20 (20.30) no Museo e Fábrica de Sargadelos de Cervo. O barítono Samuel Hasselhorn, acompañado por Daniel Heide (piano), clausurará esta 13ª edición o día 21 (20.30) na Basílica de San Martiño de Foz.