A Vicepresidencia da Deputación promocionará a carne de razas autóctonas na Feira de Pascua de Sobrado de Picato, en Baralla
O programa de promoción de produtos de razas autóctonas Un gusto de rural, un rural degusto estará presente na Festa de Pascua de Sobrado de Picato, en Baralla, organizada pola Asociación de Veciños.
O domingo 5 de abril, na última xornada das celebracións que comezan o venres, ofreceranse para degustación mini hamburguesas de carne de vacún de raza Cachena, con produto da gandería Cachenas O Antoxo, do Corgo, fabas de Lourenzá con galiña de Mos, subministrada polos criadores José Zapata, de Castro de Rei, e Sandra López, de Granxa Aeiroá, de Lancará, e xamón de porco celta.
A deputada Iria Castro presentou a iniciativa xunto a representantes de Boaga e Avimós, gandeiros e membros da comisión nun acto en que destacou " a oportunidade que estas festas populares ofrecen para promocionar os produtos de razas autóctonas, carne de primeira calidade de ganderías da provincia" e lembrou que "consumir estes produtos é unha forma de contribuír colectivamente á viabilidade das granxas e ao futuro dun sector fundamental para a conservación do territorio e a fixación de poboación no rural"
Un gusto de rural, un rural degusto
Un gusto de rural, un rural degusto é unha iniciativa da área de Rural da Vicepresidencia da Deputación dirixida a fomentar o consumo de carnes e produtos de razas autóctonas,a través de degustacións en feiras de gando, mercados e celebracións populares.
O programa, que conta coa colaboración das asociacións gandeiras Puraga, Asoporcel, Avimós e Boaga, implica a ganderías e producións locais, que subministran a materia prima coa que se preparan as racións, elaboracións tradicionais ou pratos máis innovadores que amosan as calidades gastronómicas dos produtos de razas autóctonas e poñen en valor o traballo de gandeiros e gandeiras que se compremeten coa súa recuperación.