Deportes e mocidade
Deputación de Lugo

Estrea do novo videomarcador do Pazo: Efrén Castro destaca "as impresións moi positivas que recibimos sobre o novo equipo"

VICEPRESIDENCIA DEPUTACIÓN LUGO
VIDEOMARCADOR
PAZO



Esta tarde sábado estreouse o novo videomarcador do Pazo dos Deportes: un equipo LED de gran formato e esquinas curvas, suspendido sobre o centro da pista. O partido entre CB Breogán Manresa foi, como estaba previsto, o escenario da estrea do novo equipamento que dá un salto audiovisual e tecnolóxico ao recinto deportivo.

O vicepresidente da Deputación de Lugo Efrén Castro destacou "o funcionamento do videomarcador moderniza o Pazo e abre novas posibilidades para acompañar o espéctaculo deportivo que supón cada partido" e valorou "as impresións moi positivas que recibimos  en relación con este novo equipo"

O responsable provincial, que agradeceu o "traballo realizado nas últimas semanas polo persoal do Pazo e de Mondo para completar a instalación", encadrou  "a instalación do videomarcador no compromiso da Vicepresidencia da Deputación coa mellora do Pazo, con actuacións en diferentes ámbitos nos últimos anos, desde a renovación da iluminación ou a limpeza da fachada ata a impermeabilización da cuberta"

O novo videomarcador, que supuxo un investimento de 283.000 euros,  está formado por un prisma rectangular LED de 50 m² de esquinas curvas, complementado por un anel LED inferior de 8 m² coa mesma forma. En conxunto, dispón de 58 m² de superficie audiovisual, capaz de mostrar en alta calidade repeticións, gráficos, publicidade, estatísticas e retransmisións en directo. As pantallas, de tecnoloxía led SMD e pitch 3,9 mm, ofrecen un altísimo brillo e un amplo ángulo de visión garantindo unha boa visibilidade desde calquera punto do recinto.