Deputación de Lugo
Infraestruturas

A Deputación inicia o arranxo da LU-P-4103 en Pantón tras o derrubamento dunha ladeira

REDE DE ESTRADAS PROVINCIAIS
PANTON
A obra, de carácter complexo, céntrase no quilómetro 2 desta vía que é a que comunica Ferreira de Pantón co encoro de Santo Estevo, e prevese restablecer o tráfico nun prazo de tres meses

O proxecto, cun investimento de 600.000€, inclúe a retirada de terra e pedras da calzada e as marxes, a creación dunha bancada para estabilizar a ladeira e o acondicionamento do firme danado

A Deputación de Lugo iniciou os traballos de reparación na estrada LU-P-4103 ao seu paso polo concello de Pantón, tras o derrubamento dunha ladeira provocado polas intensas chuvias do pasado mes de febreiro. Os traballos están a ser executados pola empresa TA Isidro Hnos Blanco Trigo no punto afectado, situado á altura do quilómetro 2 da vía, que é a que comunica Ferreira de Pantón co encoro de Santo Estevo. 

O investimento estimado para acometer estas actuacións ascende a 600.000€. A empresa adxudicataria prevé rematar os traballos nun máximo de tres meses, co obxectivo de restablecer a circulación na vía con total garantías de seguridade para os usuarios e usuarias.  

Trátase dunha actuación de carácter complexo que require a retirada de grandes cantidades de terra e pedras acumuladas sobre a calzada e as marxes da vía. Para garantir a estabilidade do talude e previr novos desprendementos, o proxecto inclúe a creación dunha bancada intermedia que reduza a pendente da ladeira, ademais do acondicionamento do firme danado pola caída de materiais. Durante a execución da obra realízase un seguimento técnico continuo da ladeira, incluíndo voos con dron antes e despois das intervencións para medir o material retirado e supervisar os cambios no talude, garantindo así a máxima seguridade durante todos os traballos.
Antes de iniciar a intervención, foi necesario realizar unha avaliación exhaustiva da zona, que presentaba un risco elevado de novos desprendementos. Para poder actuar con segu-ridade, o persoal técnico tivo que expropiar os terreos adxacentes á estrada e cumprir todos os requisitos legais e técnicos necesarios para acometer a obra de maneira segura e eficaz.