Deportes e mocidade
Deputación de Lugo

A Rede Museística impulsa un novo proxecto artístico arredor do oficio das redeiras

VICEPRESIDENCIA DEPUTACIÓN LUGO
REDE MUSEÍSTICA PROVINCIAL DE LUGO
MUSEO PROVINCIAL DO MAR
REDEIRAS DE BURELA
ARTE CONTEMPORÁNEA
 Irene Trapote e Sergio Marey traballan man a man coas redeiras de Burela para crear unha peza para o Museo do Mar de San Cibrao

A creación  contemporánea e o coñecemento artesanal das redeiras de Burela conxúganse no proxecto artístico “Facer territorio atando cabos”  de Irene Trapote e Sergio Marey, impulsado pola Rede Museística Provincial.

A deputada de Cultura Iria Castro, o tenente alcalde de Burela Mario Pillado e a concelleira de Servizos Sociais e Igualdade Sandra Fernández Cillero, acompañados pola xerente da Rede Museística Provincial Encarna Lago, visitaron a nave de redes do porto de Burela, onde artistas e redeiras comparten xornadas de traballo co obxectivo de crear unha obra artística.

O proxecto concibe o proceso creativo como un acto de escoita e produción conxunta no que a artista e as redeiras traballan en horizontalidade, e que contará con diferentes fases. A primeira, que se desenvolve nestes días, céntrase na recollida de testemuños orais e documentación gráfica e audiovisual. As redeiras tamén poderán participar na creación e produción da peza final, que se inaugurará o 17 de xuño no Museo do Mar de San Cibrao.

O proxecto reivindica o valor dos oficios feminizados, historicamente relegados ao ámbito doméstico ou considerados “complementarios”, e propón unha lectura feminista do traballo manual vinculado ao mar.  As redeiras  aparecen como portadoras dun coñecemento artesanal que forma parte do ADN cultural e emocional da Mariña.

Enmárcase dentro do programa “Soterradas” da Rede Museística , que inclúe diversas intervencións artísticas e proxectos expositivos centrados en visiblizar vidas, historias e prácticas silenciadas, fundamentalmente femininas, nos museos provinciais.