Últimos traballos de montaxe e ensaio da Gala dos Premios Mestre Mateo, que se entregarán mañá no Auditorio Fuxan Os Ventos
A deputada de Cultura Iria Castro e a concelleira de Cultura Maite Ferreiro achegáronse ao Auditorio Fuxan Os Ventos, onde o equipo de produción dos Premios Mestre Mateo remata a montaxe do equipamento técnico necesario para a celebración e a retransmisión televisiva da Gala, que se celebrará mañá sábado.
Acompañadas por representantes da Academia Galega do Audiovisual e da Xunta de Galicia, coñeceron os pormenores das tarefas que se realizaron nos últimos días e que implican arredor de 200 persoas. A delegación institucional visitou os escenarios e a salas onde se celebrará a entrega de galardóns e a zona de photocall.
Iria Castro valorou “o traballo de organización e montaxe que require a Gala” e anticipou que “mañá será o culme de dous meses de actividades que organizamos coa Academia e a área de Cultura do Concello de Lugo e que fan que esta 24 edición dos Premios en Lugo sexa especial. Mañá é un día para vernos e proxectarnos como o centro de creación cultural que realmente somos”
Maite Ferreiro explicou que “moita xente traballou estes días, dando o mellor para que mañá o Fuxan Os Ventos luza mañá como ten que facelo” e destacou “que os Premios Mestre Mateo conseguiron trasladar á cidade ese interese e ese orgullo do noso audiovisual. Volvemos demostar que en Lugo pasan cousas, e moitas cousas boas a nivel cultural”.
A Gala, dirixida por Marta Arévalo e con guión de Óscar Cruz, conducirana Trisha Fernández e Federico Pérez e contará coas actuacións de Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre e Mondra.