Deputación de Lugo

Carmela López gaba o valor diferencial do aceite de Quiroga na súa tradicional Mostra

carmela lópez
Mostra do Aceite de Quiroga
A Presidenta da Deputación de Lugo participou este domingo na 26 edición desta cita e puxo en valor un produto “que é único en Galicia grazas ao microclima singular desta terra, das variedades locais de oliveira e da produción artesanal”

A Presidenta da Deputación, Carmela López, gabou este domingo o valor diferencial do aceite de Quiroga na súa tradicional Mostra. Na 26 edición desta cita, que se celebrou na Praza do Auditorio do municipio, a mandataria provincia puxo en valor un produto “que é único en Galicia grazas ao microclima singular desta terra, das variedades locais de oliveira e da produción artesanal”. 

Carmela López sinalou nesa liña que ademais ese valor diferencial do aceite de Quiroga é un oportunidade de desenvolvemento rural, porque a súa produción é pequena e artesanal e está ligada a explotacións familiares; polo que cada botella representa ingresos directos para os agricultores locais; algo que é tamén un reclamo turístico, reforzando un modelo sostible, vencellado a gastronomía e á paisaxe da Ribeira Sacra.

A Mostra deste ano presentou unha ampla oferta de actividades para todos os públicos, entre as que se incluíron demostracións en vivo da elaboración artesanal do aceite, postos de venda de produtos típicos da zona, degustacións e actuacións do grupo tradicional Peleriños de Sarria. Tamén tivo lugar un acto destacado co nomeamento do primeiro Embaixador do Aceite de Quiroga, un honor que foi outorgado ao chef Javier Olleros, do Restaurante Culler de Pau, situado no Grove.