Deputación de Lugo

A Declaración da Praia reforza a alianza entre mandatarias locais de Galicia, Cabo Verde e Mozambique para impulsar a participación política das mulleres

carmela lópez
Cabo Verde
A Presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, participou esta semana no II Encontro Internacional de Mulleres Electas na cidade de Praia xunto a máis de 130 representantes municipais dos tres países con mesas de debate e exposicións

O II Encontro Internacional de Mulleres Electas ‘As Elixidas’, celebrado na cidade de Praia, concluíu coa aprobación da Declaración da Praia, un documento que reafirma o compromiso das responsables municipais por avanzar na igualdade, reforzar a participación política das mulleres e promover políticas públicas con perspectiva de xénero no ámbito local. Un encontro no que participou a Presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, integrada na delegación galega do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, nun foro que reuniu a máis de 130 representantes municipais de Cabo Verde, Mozambique e Galicia.

A Declaración da Praia subliña que a participación plena das mulleres na vida política contribúe a fortalecer a democracia, facer as comunidades máis xustas e promover un desenvolvemento máis sustentable. Ademais, recolle o compromiso das mandatarias locais por reforzar a presenza feminina nos espazos de decisión e consolidar políticas públicas de igualdade nos gobernos locais.

O documento foi presentado na xornada de clausura do encontro, poñendo punto e seguido a varias xornadas de diálogo e reflexión arredor do papel das mulleres no poder local. Durante estas sesións abordáronse as barreiras que aínda atopan moitas mulleres para acceder a cargos de responsabilidade política, así como as oportunidades e ferramentas para avanzar cara a unha gobernanza máis inclusiva.


Intercambio de experiencias

 

O encontro ‘As Elixidas’ constituíuse como un espazo de diálogo, sororidade e aprendizaxe mutua entre representantes políticas locais de distintos territorios. Ao longo das sesións analizáronse experiencias municipais relacionadas coa promoción da igualdade, incluíndo a incorporación da perspectiva de xénero nas políticas públicas e na planificación económica local, como a elaboración de orzamentos con enfoque de xénero.

A iniciativa celebrouse baixo o lema ‘Electas no local, unha voz global’ e estivo organizada polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e pola Associação Nacional dos Municípios de Cabo Verde. No marco do encontro constituíuse ademais a Rede de Mulheres Autarcas Caboverdianas, unha iniciativa destinada a fortalecer a cooperación entre responsables municipais do país africano.

O evento contou co financiamento da Xunta de Galicia e da Agencia Española de Cooperación Internacional para el Desarrollo, a través da Confederación de Fondos de Cooperación y Solidaridad, e celebrouse coincidindo co Día Internacional das Mulleres e co impulso do Nacións Unidas ao Obxectivo de Desenvolvemento Sustentable 5 da Axenda 2030.