Deputación de Lugo

Carmela López reivindica en Cabo Verde a igualdade como eixo das políticas públicas no foro As Elixidas

Cabo Verde
Participou como relatora nunha mesa xunto a mulleres mozambicanas e caboverdianas no marco do II Encontro Internacional de Mulleres Autarcas de Cabo Verde, que organiza o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade xunto a Asociación Nacional dos Municipios Caboverdianos

A Presidenta da Deputación de Lugo e Alcaldesa de Burela, Carmela López, participou este xoves como relatora no II Encontro Internacional de Mulleres Electas ‘As Elixidas’, que se celebra na cidade de Praia (Cabo Verde), onde defendeu que a igualdade debe ser o eixo que articule todas as políticas públicas das administracións.

Durante a súa intervención na mesa dedicada ás boas prácticas municipais con enfoque de xénero, López destacou que a igualdade non pode ser unha política illada, senón unha forma de entender e desenvolver a acción pública. “A igualdade ten que ser o eixo que marque calquera decisión política e tamén a forma na que miramos a realidade desde as institucións. Non pode ser unha política complementaria, senón o criterio que guíe todas as políticas públicas”, explicou.

A Presidenta provincial presentou neste foro internacional as iniciativas impulsadas desde a Deputación de Lugo e desde o Concello de Burela para avanzar na igualdade entre mulleres e homes, destacando o papel dos plans de igualdade como ferramentas fundamentais para estruturar e consolidar estas políticas de maneira oficial nas administracións.

López puxo tamén o foco na necesidade de impulsar políticas públicas que favorezan o emprego feminino e contribúan á fixación de poboación no territorio, especialmente no medio rural. “Se as mulleres viven no rural, o rural pode ter futuro. Por iso é fundamental impulsar políticas que faciliten a conciliación, a igualdade de oportunidades e o acceso ao emprego”, sinalou, tendo como exemplos na Deputación de Lugo a Rede de Centros de Atención a Maiores da Deputación de Lugo. 

Durante a súa intervención, López referiuse tamén ao papel dos Centros de Información á Muller nos municipios como servizos fundamentais para apoiar ás mulleres, ofrecer asesoramento e acompañamento e impulsar políticas locais de igualdade.

A educación, ferramenta importante

Durante a mesa que compartiu xunto á Alcaldesa de Mocuba (Mozambique), Manuela Opincai, e Alice Silva, Coordinadora da Área de Decisións do Instituto Caboverdiano para a Igualdade e Equidade de Xénero (ICIEG), destacou ademais a importancia da educación como ferramenta clave para avanzar cara a sociedades máis xustas e igualitarias. “A igualdade constrúese tamén desde a educación. Formar ás novas xeracións en valores de respecto, igualdade e convivencia é fundamental para avanzar cara a sociedades máis xustas”, subliñou.

O II Encontro Internacional de Mulleres Electas ‘As Elixidas’, organizado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade xunto coa Asociación Nacional de Municipios de Cabo Verde, reúne en Praia a máis de 130 alcaldesas e concelleiras de Cabo Verde, Mozambique e Galicia baixo o lema “Electas no local, unha voz global”, co obxectivo de compartir experiencias e avanzar na participación efectiva das mulleres no poder local.