A Vicepresidencia da Deputación organiza unha proxección coloquio con artistas e equipos de realización e produción dos videoclips finalistas aos XXIV Mestre Mateo
Iri Castro: "Son proxectos visiblemente ligados as comarcas de Lugo tanto polos artistas e equipos audiovisuais e as localizacións polo que reflicten ben o potencial que hai en todo o territorio"
A Vicepresidencia da Deputación de Lugo reunirá a artistas e equipos de realización e produción dos videoclips finalistas ao XXIV Premios Mestre Mateo nunha proxección coloquio que se celebrará o xoves -12 de marzo, ás 20.15 horas- no Pazo de San Marcos en Lugo.
O acto contará coa participación de Xoán Fórneas e Sergio Marey, responsable do deseño de vestiario, do videoclip de "Ferido" de O Xoán; de Sara Faro e María Pérez, Fillas de Cassandra, nomeadas polo videoclip de “Hibernarse”; de Sabela Ramil e Paula Pereira, directora do videoclip "Non cho podo dar" e de Nuno García Pico e Xaime Miranda, director do videoclip de "Ontes fun moi malo" de Grande Amore. Conducirá e moderará o coloquio Laura Lamontagne, que tamén actuará durante o acto.
A actividade amplía a programación organizada nas últimas semanas pola Academia Galega do Audiovisual e a Vicepresidencia da Deputación de Lugo arredor da celebración en Lugo dos XXIV Premios Mestre Mateo, que se entregarán por primeira vez en Lugo o vindeiro 21 de marzo.
A deputada de Cultura Iria Castro explicou que "entendemos o apoio á celebración dos Mestre Mateo en Lugo como unha oportunidade para visibilizar o traballo dos e das profesionais das comarcas de Lugo no eido audiovisual e proxectalas como referentes próximos para as persoas que se están formando ou iniciando agora nel"
"A maioria dos videoclips finalistas nesta edición son proxectos visiblemente ligados ás comarcas de Lugo tanto polos artistas e equipos audiovisuais e as localizacións polo que reflicten ben o potencial que hai en todo o territorio e lanzan unha mensaxe moi potente sobre a necesidade de atender e apoiar a creación artística é cultural que se fai fóra dos circuítos convencionais", sostivo.
A entrada ao acto é gratuíta e libre até completar a capacidade do Salón de Actos do Pazo de San Marcos.