Carmela López participará como relatora en Cabo Verde no encontro internacional As Elixidas, un dos principais foros de liderado feminino na política local
A Presidenta viaxará a vindeira semana a este país tras ser proposta polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, onde compartirá a súa experiencia na administración provincial e local con máis de 130 alcaldesas e concelleiras de Cabo Verde, Monzambique e Galicia
A mandataria provincial porá en valor os fortes vínculos sociais e históricos entre Burela e Cabo Verde, unha relación marcada pola convivencia, a integración e os lazos humanos que unen este país coa provincia de Lugo
A Presidenta da Deputación de Lugo e Alcaldesa de Burela, Carmela López, participará a vindeira semana na cidade de Praia (Cabo Verde) no II Encontro Internacional de Mulleres Electas ‘As Elixidas’, un dos principais espazos internacionais de reflexión e intercambio sobre o liderado feminino na política municipal. O encontro, que se celebrará os días 12 e 13, reunirá máis de 130 alcaldesas e concelleiras de Cabo Verde, Mozambique e Galicia, converténdose nun foro de referencia para analizar os retos da participación política das mulleres e impulsar políticas públicas locais con enfoque de xénero.
Organizado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade xunto coa Asociación Nacional de Municipios de Cabo Verde, o evento celebrarase baixo o lema “Electas no local, unha voz global”, coincidindo cos actos internacionais polo Día Internacional da Muller e contando coa participación de representantes institucionais, expertas internacionais e responsables de organismos públicos. O obxectivo é o intercambio de experiencias para promover a participación igualitaria e o enfoque de xénero na política local.
Carmela López participará como relatora na mesa internacional Boas prácticas municipais con enfoque de xénero. Experiencias de Cabo Verde, Mozambique e Galicia, na que compartirá a súa experiencia á fronte da Deputación de Lugo e a súa traxectoria no municipalismo, explicando iniciativas e políticas públicas desenvolvidas desde o ámbito local para avanzar na igualdade. López destaca a relevancia de formar parte dun encontro desta dimensión internacional, pois é “unha enorme responsabilidade e tamén unha gran satisfacción poder participar nun foro internacional deste nivel, no que se dan cita alcaldesas e responsables municipais de distintos países para reflexionar e avanzar xuntas cara a unha política mellor. Quero agradecer sinceramente ao Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade que conte comigo para representar á nosa provincia nun espazo de diálogo global”.
Nas súas palabras, subliña que o municipalismo ten un papel fundamental na transformación social e na construción de políticas públicas, porque “os concellos e as administracións locais somos a primeira porta á que chama os veciños e veciñas. Desde aí podemos impulsar políticas que melloren a vida das persoas e que garantan máis igualdade real entre mulleres e homes. Poder compartir experiencias con representantes doutros países é unha oportunidade extraordinaria para seguir aprendendo e avanzando”.
O II Encontro Internacional de Mulleres Electas non só contará con destacadas representantes municipais dos tres países, senón tamén con membros dos gobernos caboverdiano, español e galego e con persoas expertas de Nacións Unidas, do Instituto Caboverdiano para a Igualdade e Equidade de Xénero ou da Universidade de Santiago de Compostela. Ademais, no marco das xornadas, presentarase a Rede de Mulleres Autarcas Caboverdianas e ao remate, farase unha declaración final por parte de todas as electas locais presentes.
Estreitos lazos con Cabo Verde
Carmela López tamén porá en valor a profunda relación social que une a provincia de Lugo e Cabo Verde, e de maneira moi especial Burela, un municipio marcado pola convivencia e os vínculos históricos coa comunidade caboverdiana. “Burela e Cabo Verde manteñen unha relación humana, social e cultural moi profunda. Ao longo das últimas décadas construíronse lazos familiares, afectivos e económicos que forman parte da identidade da nosa vila. A comunidade caboverdiana é parte esencial da vida de Burela e un exemplo extraordinario de convivencia, diversidade e integración”.
Neste sentido, López pon o foco na importancia que ten para ela poder compartir esa realidade, pois “é moi emocionante poder falar neste foro tamén desde a experiencia de Burela, porque esa relación tan estreita con Cabo Verde demostra como os territorios poden construír pontes de convivencia, solidariedade e cooperación que enriquecen a toda a sociedade”.
Ampla axenda institucional
A viaxe institucional da Presidenta da Deputación de Lugo incluirá ademais unha intensa axenda de encontros institucionais e sociais en Cabo Verde, orientada a reforzar as relacións entre este país e a provincia lucense.
Durante a súa estadía en Praia, Carmela López manterá un encontro institucional na Embaixada de España no país, así como reunións con responsables municipais e comunidades veciñais. Así mesmo, está previsto que realice visitas oficiais ás localidades de Ribeira Grande de Santiago e Porto Mosquito, onde manterá encontros para coñecer de primeira man a realidade social e institucional do país, así como abrir novas vías de colaboración e contactos bilaterais que contribúan a reforzar as relacións sociais, económicas e empresariais entre Cabo Verde e a provincia de Lugo.
Esta axenda paralela responde á importancia que Cabo Verde ten para a provincia de Lugo, “e contribuirá a seguir construíndo pontes que favorezan o encontro entre pobos e a cooperación entre territorios”.