A Deputación participa en Foz na entrega de premios dos Campionatos Internacionais de Baristas
O Deputado de Recursos Sostibles e Alcalde de Foz, Francisco Cajoto Caserío, participou este venres na entrega de premios dos Campionatos Internacionais de Baristas -XVIII Campionato de Baristas e XIII do Campionato de Cata-, que se celebraron desde este mércores no centro educativo IES de Foz. Nesta edición participaron 26 centros de hostalería chegados de 14 comunidades autónomas, así como centros de Portugal e Italia.
Ademais das diferentes probas que se realizaron ao longo destes días, o público tamén puido desfrutar de diferentes degustacións de café realizadas por baristas profesionais de once torrefactores. Así mesmo, tamén se celebrou a charla Indonesia: orixe e especialidade, a cargo de Raquel del Prado e Miguel Renau, da empresa Bean2be.
Francisco Cajoto felicitou a todos os premiados e premidas e recordou que “desde a institución provincial colaboramos con este certame, de referencia para o sector da hostalería e do café de especialidade, porque sitúa a Foz e a todo o conxunto da provincia no mapa internacional”.
Nesta liña, recordou que a Deputación de Lugo realiza unha achega económica de 3.000€ para a realización deste evento e destacou que “as tres xornadas do concurso puideron seguirse en directo grazas á retransmisión que fixo o alumnado de 2º de Realización do Centro de Formación de Audiovisuais a través de Youtube”.
A emisión en directo das xornadas dos Campionatos é unha das prácticas profesionais, en escenarios reais, que se inclúen na formación do estudantado da escola da Deputación. Unha ducia de alumnos e alumnas tiveron a oportunidade de practicar nas diferentes funcións dun equipo técnico, entre outras: realizador, operador de cámara, editor de vídeo e de audio.