Deputación de Lugo
Infraestruturas

A Deputación aproba un novo investimento de 1M€ para mellorar estradas en Barreiros, Muras, A Fonsagrada, O Corgo e O Páramo

REDE DE ESTRADAS PROVINCIAIS
A Xunta de Goberno licitou os traballos para renovar as vías provinciais LU-P-0602 en Barreiros; a LU-P-2904 entre o Corgo e O Páramo; a LU-P-3402 en Muras; e a LU-P-1901 na Fonsagrada; todas cunha función clave para vertebrar o territorio

Adxudicadas as obras para rehabilitar outras tres vías en Meira: a LU-P-3003, que conecta o centro urbano coa N-640 por Leiras; a LU-P-3005, de Couso a Vilar de Corota; e a LU-P-4806, que conecta Vilaxe por Galegos e Ribeira de Piquín

Aprobada a proposta para ampliar, no Parque do Rato, o número de hortos dispoñibles, que pasan dos 150 aos 155 e adxudicar 50 novas autorizacións de uso

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres un investimento de 1M€ para mellorar outras catro estradas provinciais ao seu paso por Barreiros, O Corgo, O Páramo, Muras e A Fonsagrada. Así o informou a Voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, tras a reunión semanal que tivo lugar pola mañá no Pazo de San Marcos. “Son catro vías cunha función clave para vertebrar o territorio”, valorou.

Estradas que segundo confirmou Porto “discorren por zonas rurais e áreas con baixa densidade de poboación, o que significa que son esenciais na mobilidade diaria da veciñanza; clave no acceso a servizos básicos; e imprescindibles para actividades económicas agrarias, forestais e turísticas”. 

Detallou que na Mariña, quedou licitada unha actuación para renovar a totalidade da LU-P-0602, que é a que conecta San Cosme coa praia de Barreiros por Remior. “Unha vía de marcado carácter turístico porque está en plena Mariña litoral”, explicou. As obras neste caso afectarán ao algo máis de 2,2 quilómetros da estrada, terán un prazo de execución de catro meses e contarán cun orzamento de 177.580,43€ para acometer a reapertura de cunetas, pavimentación con aglomerado en quente e sinalización horizontal.

Entre os concellos de Lugo e O Corgo, tamén se licitaron uns traballos para mellorar preto de catro quilómetros da LU-P-2904, que parte de Conturiz desde a N-VI, “polo que actúa como entrada e saída da capital lucense”. Unha rehabilitación que afectará a un treito de 3,7 quilómetros e comezará á altura da Rañoá, na parroquia de Cela, finalizando en Vilarmosteiro, xa no Páramo, desde o punto quilométrico 13,6 ao 17,4. 

Un proxecto, que conta cun orzamento de 294.563,31€ e un prazo de execución de catro meses, inclúe tamén a mellora do tramo antigo da vía, 400 metros no acceso a Vilarmosteiro. As obras consistirán na apertura de cunetas, pavimentación con aglomerado en quente e reposición da sinalización. A Deputación vén de mellorar recentemente o tramo inicial desta estrada cun investimento doutros 230.000€. Polo que con esta actuación a vía quedará renovada na súa totalidade.

Na comarca da Terra Chá, quedaron licitadas unhas obras en Muras para mellorar case catro quilómetros ao final do trazado da LU-P-3402, que comunica A Gañidoira e Viveiró.

As obras afectarán a unha zona da vía que está rodeada de canteiras -entre os puntos quilométricos 2,9 e 6,1-, polo que o firme sofre o tráfico pesado de camións que traballan na extracción de granito entre estas dúas parroquias. O orzamento deste proxecto será de 238.018,35€ para, nun prazo de catro meses, abrir as cunetas, pavimentar con aglomerado en quente e pintar a vía.

Recordou a Deputada que a institución provincial xa completou a contratación das melloras do tramo anterior desta vía cun orzamento de máis 250.000€. Polo que a Deputación mellorará completamente a LU-P-3402 con preto de medio millón de euros de investimento.

Na Montaña licitouse tamén a mellora dunha estrada que conecta a Fonsagrada co eixo cara Asturias por Navia de Suarna: a LU-P-1901.

Os traballos afectarán ao tramo entre Santiso e o núcleo urbano da Fonsagrada -desde o pk 6,4 ao 9,5-, terán un prazo de execución de catro meses, un orzamento de 311.311,57€ e consistirán na reapertura de cunetas, pavimentación do firme con aglomerado e sinalización. “Tamén nesta estrada a Deputación vén de actuar recentemente noutros tramos cun investimento de máis de 225.000€”. Concretamente, detallou Porto desde Lamas a Santiso –xusto o tramo anterior do que abarca o proxecto licitado este venres- e da zona de Queizán, xa no sur do concello de Navia de Suarna.

Adxudicadas as obras para rehabilitar outras tres vías en Meira

Adxudicadas tamén, por máis de 221.397,2€, á empresa Construcciones Carballeira SL o proxecto de mellora de tres estradas provinciais ao seu paso por Meira. Son en concreto: a LU-P-3003, que conecta a vila de Meira coa N-640 por Leiras, unha vía que se renovará na súa totalidade; a  LU-P-3005, de Couso a Vilar de Corota, que tamén se mellorará completa; e a LU-P-4806, que conecta Vilaxe por Galegos e Ribeira de Piquín, que mellorarase en todo o trazado ó largo do municipio (6 quilómetros).

O prazo de execución destas obras será de mes e medio. E tamén será neste caso unha actuación relevante, porque gracias a este proxecto melloraremos a metade das vías provinciais que percorren este concello, impactando significativamente na mobilidade no municipio de Meira.
 

Licitada a compra dunha autoformigoneira para Negueira de Muñiz

A Xunta de Goberno licitou tamén a contratación, por un importe de 153.065€, unha autoformigoneira para o Concello de Negueira de Muñiz. “Trátase dun vehículo con capacidade para producir, mesturar, transportar e descargar formigón que será moi útil para este municipio”, explicou a Deputada, que relatou que na comarca da Fonsagrada quedaron sen fábrica de formigón e levar este material de lonxe “é complicado e caro, por iso esta colaboración é tan importante, porque permitirá que un concello pequeno poida aforrar custes e ganar eficiencia”.

Nese sentido, a licitación permitirá a Negueira de Muñiz adquirir un vehículo “versátil e de moita utilidade nun municipio rural, pouco poboado,  pero cunha extensa rede de infraestruturas que manter”. Concretamente, unha autoformigoneira autocargable de 3,5 metros cúbicos de capacidade de amasado.

Ampliacións de hortos e autorizacións no Parque do Rato

Aprobada a proposta para, no Parque do Rato, ampliar o número de hortos dispoñibles –de 150 a 155- e adxudicar 50 novas autorizacións de uso. Dúas cuestións que están relacionadas porque, na última fase de concesión de autorizacións destes espazos de cultivo a institución provincial tivo un total de 52 solicitudes.

García Porto sinalou que desas 52, foron concedidas 50. 12 delas corresponden a antigos usuarios e usuarias que renovan o seu permiso e outras 38 son de novos solicitantes, que poderán usar estes espazos 2 anos prorrogables por outros dous. Esta decisión será notificada ás persoas e entidades interesadas e a previsión é que o mes que vén xa poidan facer uso do seu novo horto asignado.

Precisamente, para poder dar resposta a alta demanda que tivo a Deputación sobre estas parcelas no Rato, “decidimos aumentar en cinco o número de hortos, aproveitando os espazos dispoñibles nos terreos da Deputación neste enclave”. Nese sentido, valorou a Deputada que “estamos moi contentos da acollida desta iniciativa, pola que levamos anos apostando para favorecer o lecer saudable, a concienciación co medio ambiente e as prácticas de cultivo sostible nun espazo que se sitúa no corazón da Reserva da Biosfera Terras do Miño”.

Listaxes de Administración Financeira e Contabilidade

Finalmente, a Xunta de Goberno acordou aprobar a elaboración dunha listaxe de técnico superior de administración financeira e contabilidade para prestar servizos de carácter temporal na Deputación de Lugo. Os vindeiros días sairán publicadas as bases no Boletín Oficial da Provincia.