Deputación de Lugo

A Deputación inicia o estendido do aglomerado nun tramo do cinto comarcal á altura do Corgo

Cinto comarcal
O Corgo
A institución provincial está a traballar nun treito da LU-P-1611, entre a parroquia de Camposo e o núcleo de Pacios. O investimento desta actuación, que conta cun prazo de execución de mes e medio, supera os 140.000€

A Deputación de Lugo vén de iniciar esta semana o estendido do aglomerado en quente nun novo tramo do cinto comarcal, a vía LU-P-1611, ao seu paso polo concello do Corgo. Concretamente, estase a acondicionar un treito de algo máis dun quilómetro e medio, do punto quilométrico 9,020 ao 10,725, que vai desde a parroquia de Camposo ao núcleo de Pacios, na parroquia de Cela. 

A institución provincial inviste neste proxecto 140.942€ e a empresa encargada de realizar as obras é Francisco Gómez y Cía. SL. Unha vez rematados os traballos de pavimentación, realizarase o pintado da vía e a reposición da sinalización vertical. O prazo de execución destes traballos é de mes e medio.

Esta actuación súmase a outros proxectos que a institución provincial realizou nesta estrada ao seu paso polo concello do Corgo, como o treito que se mellorou cun investimento de medio millón de euros desde o Alto de Gomeán á parroquia de Marei, á altura de Maceda. Ademais, a finais do mes de xaneiro, a Deputación de Lugo tamén licitou por case 755.000€ outro proxecto co que se vai mellorar tres tramos desta vía, ao seu paso polos concellos de Outeiro de Rei, Begonte e O Corgo. 

Trátase dunha estrada fundamental para as comunicacións da provincia, porque conecta de forma directa a 11 concellos da provincia e enlaza con vías autonómicas e nacionais como a A-6, A-54, a N-VI e a N-540. De feito, desde o ano 2020, a institución provincial ten mellorado máis de 35 quilómetros, case o 30%, da LU-P-1611 ao seu paso por Pol, Castroverde, Cospeito, Castro de Rei, Friol, Lugo, Guntín, O Corgo e Begonte.