Deputación de Lugo

A Deputación aproba unha Declaración polo 8M centrada nas mulleres que sosteñen a administración local

8M
A Xunta de Voceiros acordou este xoves o documento, asinado polos diferentes grupos políticos, no que a institución comprométese a traballar para “lograr espazos de participación para todas, reforzando a colaboración e o seu liderado”

A Xunta de Voceiros da Deputación, convocada este xoves pola Presidenta Carmela López, aprobou unha Declaración Institucional con motivo do Día Internacional da Muller que se celebrará o vindeiro 8 de marzo. O documento deste ano, centrado nas mulleres que sosteñen a administración local, conta co apoio de todos os grupos representados na Corporación -PSdeG, BNG e PPdeG- e do deputado non adscrito.

“Desde a Deputación de Lugo queremos poñer o acento nese labor imprescindible, e non sempre recoñecido, das xestoras públicas”, aborda o texto. Mulleres que sosteñen a administración local desde os espazos de responsabilidade e desde os equipos técnicos. “Falamos de mulleres traballando en ámbitos e funcións chave na xestión provincial como a planificación de servizos, o deseño dos pobos e das cidades, a xestión económica, a contratación pública ou programando e prestando servizos á comunidade”, destaca o documento.

Baixo o título de As mulleres, xestoras do cambio a Deputación de Lugo comprométese a traballar para “lograr espazo de participación para todas, reforzando a colaboración e o seu liderado”.

DECLARACIÓN INSTITUCIONAL

A conmemoración do 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres, permítenos lembrar, reivindicar e facer balance dos avances acadados. Unha data mundialmente rememorada na que a ONU, neste 2026, une a mulleres e nenas para esixir igualdade real de dereitos e unha xustiza para facer valer, exercer e desfrutar eses dereitos.

No ámbito provincial, falar de igualdade significa falar de milleiros de mulleres implicadas ao longo dos anos que deixaron e deixan o mellor do seu talento e da súa capacidade ao servizo da veciñanza con responsabilidade, bo facer e rendición de contas. Un traballo cotiá que mantén en pé a Deputación de Lugo e garante que os servizos públicos cheguen a todas as persoas.

Desde a Deputación de Lugo queremos poñer o acento neste labor imprescindible, e non sempre recoñecido, das xestoras públicas. Mulleres que dende os espazos de responsabilidade, e tamén dende os equipos técnicos, sosteñen a administración local e participan nos procesos máis esixentes que afrontan hoxe os gobernos máis próximos á cidadanía.

Falamos de mulleres traballando en ámbitos e funcións chave na xestión provincial como a planificación de servizos, o deseño dos pobos e das cidades, a xestión económica, a contratación pública ou programando e prestando servizos á comunidade. Un traballo constante e rigoroso, absolutamente esencial para garantir a continuidade, a estabilidade institucional e a mellor atención, mesmo en situacións complexas como recentemente aconteceu coa pandemia do Covid.

Na actualidade, esta experiencia resulta determinante para facer fronte a un dos maiores desafíos do municipalismo como foi a xestión dos fondos europeos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia, coñecidos como Next Generation EU. Nunca antes os concellos e deputacións tiveran que xestionar recursos de tal dimensión, cunha esixencia técnica que require coñecemento normativo, vangarda, organización, coordinación e unha planificación precisa. En Galicia, unha parte moi significativa desta responsabilidade recae nas mulleres.

Ese foi o motivo de poñer este 8M o foco nas mulleres como xestoras transformadoras dos seus pobos e cidades, facendo gala dun compromiso e coñecemento do territorio que posibilita que os investimentos non se concentren só nos grandes núcleos urbanos, senón que contribúan á cohesión territorial de toda Galicia e a un desenvolvemento máis equilibrado.

Este liderado político e institucional implica tomar decisións, establecer prioridades e garantir a transparencia no uso dos recursos públicos, con rigor e unha base sólida que reforza a confianza da cidadanía nas institucións.

En todos os contextos políticos, a igualdade real e efectiva entre mulleres e homes non pode entenderse como unha cuestión secundaria, senón como unha condición necesaria para a eficacia e a eficiencia das políticas públicas. Non hai política sen igualdade, non hai xestión sen mulleres, non hai democracia real sen paridade.

Por todo iso, debemos seguir defendendo o feminismo como un movemento político, social e cultural civilizatorio, indispensable para combater todas as formas de desigualdade, discriminación e violencia. É indispensable para reforzar a participación activa das mulleres na política, pero tamén na economía, na educación, na investigación e na tecnoloxía. E por suposto, é imprescindible para fornecer e ampliar a actual axenda pública con novas respostas a vellas preguntas, con novas solucións para vellos problemas.

Neste 8 de marzo, dende a Deputación de Lugo:

•    Reafirmamos o noso compromiso para seguir visibilizando ás mulleres como xestoras do público, exercendo o poder e eliminando barreiras que aínda dificultan o seu acceso a postos de responsabilidade.
•    Seguiremos loitando por un modelo provincial de desenvolvemento sostible, social, económico e medioambiental, centrado nas persoas, con perspectiva de xénero, con miradas máis plurais e coa igualdade impregnando a organización e a xestión dos concellos.
•    Traballaremos para lograr espazos de participación para todas, e reforzando a colaboración e o liderado de todas elas.
•    Avanzar para que os retos e desafíos que temos por diante se afronten dende o principio de igualdade, recoñecendo ás mulleres non só como protagonistas senón como xestoras do cambio, responsables directas de construír, dende o ámbito provincial, un mellor futuro.
•    Invitámosvos a que durante todo o ano, pero especialmente nestas datas tan simbólicas, estimulemos conxuntamente a visibilización destes logros escritos co nome de centos de mulleres.

Cando unha muller avanza, ningún home retrocede. Cando unha muller avanza, todas dan un paso ao fronte. Fronte á ola que nos envolve no momento actual, FIRMEZA nos logros e avances sen perder de vista o que nos queda por facer.